" />

Chispazos na oposición polos reiterados cortes de electricidade nos edificios municipais

Os grupos da oposición botan lume despois do corte de luz rexistrado o pasado luns nas piscinas de Frigsa, que obrigou a manter o servizo cunha menor potencia a través do grupo electróxeno de emerxencia durante dúas horas. Pero tal e como veñen denunciando, esta non é a primeira interrupción do subministro que sofre o Concello, polo que solicitan medidas para solucionar esta situación. O BNG-Asembleas Abertas asegurou hoxe que “cómpre buscar alternativas ás grandes empresas eléctricas”.

Para o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, o Concello “non pode caer nas chantaxes das eléctricas”. O propio concelleiro afirmou que dende o seu grupo municipal xa están estudando diferentes posibilidades, como é o caso das cooperativas,  “que apostan ademais polas enerxías renovables”. Desta maneira, anuncian que nos vindeiros días achegarán propostas “analizadas e tecnicamente consultadas que sirvan para Lugo”.

Para o grupo Lugonovo, as saídas pasan por facer un plan de persoal. “Os últimos acontecementos están poñendo en cuestión a xestión do executivo e a evidenciar todas as carencias e deficiencias de funcionamento que a administración local arrastra nesta materia. A consecuencia máis evidente foi un novo corte de luz que se engade ao suma e segue das vergoñas municipais”, asegurou o voceiro.

Santiago Fernández Rocha tamén denunciou que “a persoa contratada para poñer ao día as facturas dos servizos eléctricos se tivese que dedicar a certificar as obras do Plan Urban para non perder os fondos europeos”, feito que cualificou de “desvestir un santo para vestir outro”. “Un mapa dos recursos humanos capaz de avalar a viabilidade dos procedementos para non reducilos simplemente a fogos de artificio. Este debería ser o primeiro cometido que aborde a rexedora para estrear o ano pero, iso sí, dende unha perspectiva de responsabilidade e obxectividade”, remata.

Pola súa banda, o grupo popular xa se pronunciara sobre os cortes de luz asegurando que “os retrasos e impagos de facturas reflexan que Lugo segue sen goberno”. A edil Isabel Devesa cualificaba de “insólito” que en menos dun mes cinco dependencias municipais sufrisen cortes por falta de pago. “Que o concello de Lugo é mal pagador é un dato probado se revisamos os últimos informes de morosidade”. Nese sentido, Devesa considera que os datos “xa deixaban entrever que ían existir problemas a corto e medio prazo se no se corrixía o rumbo e se axilizaba a comprobación de facturas”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo