CIG e USO denuncian que continúan os impagos ás traballadoras da limpeza da Deputación

A punto de rematar o mes de xaneiro, as traballadoras do servizo de limpeza dos museos provinciais, o Pazo de San Marcos e o Pavillón de Deportes da Deputación de Lugo (adxudicado á empresa Tempo Facility Services) continúan a día de hoxe sen cobrar as nóminas de novembro e decembro e a paga extraordinaria de nadal. Diante deste incumprimento, CIG e USO esixen da Deputación e da empresa que se proceda de inmediato ao abono dos salarios e que se respecten todos os dereitos das traballadoras.

Cómpre lembrar que o pasado 10 de xaneiro (tras saber do inicio das mobilizacións), o presidente da Deputación convocou as traballadoras a unha reunión urxente para informarlles que o ente provincial estudaba a fórmula legal para garantirlles o pago dos salarios nun prazo de dez días. Non obstante, transcorrido este tempo as traballadoras seguen sen cobrar e sen noticias de cando van poder recibir as súas nóminas.

Neste senso, dende CIG e USO critican que, na situación dramática xerada polo feito de non cobrar os soldos, ás traballadoras creóuselles unha expectativa por parte do presidente da Deputación de Lugo “que non se cumpriu. Pero ademais, está a piques de vencer outra mensualidade e tampouco hai certeza de se o pago de xaneiro se fará conxuntamente co resto das nóminas ou se comezaremos outra vez cos impagos”.

Ante esta situación de incerteza, as centrais sindicais esixen a Tempo Facility Services que cumpra coas súas obrigas de inmediato e da Deputación que faga o necesario para garantir que as traballadoras poidan recibir os seus salarios. De igual xeito, CIG e USO reiteran a petición de rescisión do contrato con este empresa ante os reiterados incumprimentos en materia laboral e salarial, “que en vez de corrixirse cada vez van a peor”.

A este respecto, hai que sinalar que o día do xuízo polo conflito colectivo contra Tempo Facility Services por modificación das condicións laborais, a empresa “achandouse” á demanda da parte social e recoñeceu que estaba a incumprir os acordos de melloras pactados coas anteriores concesionarias (LimperGal e Eulen) a respecto dos tempos de descanso, días de asuntos propios, incrementos adicionais de salarios, etc. “É dicir, a empresa recoñeceu que estaba a actuar contra os dereitos das traballadoras e que estas teñen razón nas súas reivindicacións”, denuncian os sindicatos.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Xan 27, 2020 - 09:03 PM

    Ufff…….. Menuda geta…..

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com