CIG e USO esixen á Deputación que rescate o contrato da limpeza con Tempo Facility Services

As organizacións sindicais CIG e USO convocan unha concentración para o vindeiro martes, 14 de xaneiro, para esixir o pago dos salarios ás traballadoras do servizo de limpeza dos museos provinciais, o Pazo de San Marcos e o Pavillón de Deportes, adxudicado á empresa Tempo Facility Services. A protesta realizarase ás 11:00 horas diante do edificio da Deputación de Lugo, xa que a administración provincial é a titular do contrato. 

Os sindicatos destacan que dende a adxudicación do contrato a Tempo Facility Services, os incumprimentos en materia laboral estanse repetindo de maneira constante. “De feito, ao pouco de coller o servizo, a finais do mes de agosto, xa houbo problemas coa empresa porque non respectou as melloras pactadas” coas anteriores concesionarias, Eulen e Limpergal, o que motivou a interposición dun conflito colectivo tanto por parte da CIG como da USO, que ten data de xuízo para finais de xaneiro.

A partir de aí, segundo denuncian, os incumprimentos en materia laboral agraváronse con cambios de seguido nos cuadrantes e nos descansos, sen previo aviso nin negociación coa representación social, e comezaron tamén os problemas cos atrasos nos pagos das nóminas, até chegar agora ao impagamento de salarios. De tal xeito que nestes momentos as 30 traballadoras deste servizo de limpeza teñen pendente de cobrar o soldo de novembro e decembro e a parte proporcional da paga extraordinaria.

Todo este conxunto de irregularidades xa foi posto en coñecemento da Deputación de Lugo nun escrito remitido polas organizacións sindicais, a través do que tamén demandan da institución provincial que proceda ao rescate do servizo polos reiterados incumprimentos das cláusulas dos pregos. 

Neste senso, cómpre subliñar que Tempo Facility Services conta cun longo historial de rescisións de contratos de servizos públicos polos reiterados incumprimentos laborais e a falta de pago dos salarios.  Sen ir máis lonxe, o mes pasado a Deputación de Segovia rescindiulle un contrato por non pagar salarios as traballadoras e onte mesmo a Junta de Andalucía iniciou expediente de rescisión á empresa do contrato de limpeza dos institutos de Córdoba por este mesmo motivo.   

Dende Tempo Facility Services non ofrecen ningún tipo de información oficial sobre a situación económica ou cando se efectivizará o pago dos salarios e o único que trasladou a delegada da compañía en Lugo é que a empresa vai entrar en concurso de acredores. Un dato que está sen confirmar.

“Diante deste cúmulo de despropósitos e para garantir que as traballadoras poidan cobrar dunha vez os seus soldos, as centrais CIG e USO demandamos da Deputación unha rápida actuación, que inste a empresa a cumprir coas súas obrigas e que inicie o proceso para o rescate do contrato, para evitar que a situación vaia a peor”, conclúen.

Destinar o pago aos salarios

Neste senso, a Deputación vén de confirmar que conseguiu que a empresa adxudicataria do servizo de limpeza das dependencias provinciais destine o importe da factura que lle pagará a Deputación polo mes de decembro ás traballadoras. Esta cantidade económica correspóndese co importe dos salarios que a empresa lle adebeda ás 26 empregadas polos meses de novembro, decembro e a paga extra de decembro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com