CIG Saúde esixe á xerencia do Hospital da Costa que combine a ampliación coa garantía de asistencia na comarca

A CIG Saúde denuncia que a “mala planificación” das obras de ampliación do Hospital da Mariña está a provocar o traslado de doentes da comarca na cidade de Lugo. A central nacionalista responsabiliza desta situación á Xerente do Hospital, María José Cortés, pois sabendo que a organización das obras vai provocar continuos ingresos de pacientes en Lugo, puxo en marcha un protocolo de derivación polo peche de 60 camas nas plantas actuais de hospitalización de Traumatoloxía e Cirurxía.

“Entendemos que non se deberan pechar as dúas plantas de xeito simultáneo e que as obras de reforma teñen que acometerse en dúas fases: primeiro unha planta de hospitalización e unha vez rematada e operativa, na outra planta restante. Deste xeito manteríamos sempre 30 camas a maiores operativas e evitaríamos calquera tipo de traslados relacionados coas obras”, subliñan.

CIG Saúde lembra que o Hospital da Mariña conta a día de hoxe con menos camas de hospitalización, o que está a provocar o ingreso de adultos en pediatría e o ingreso de pacientes doutras especialidades na planta de obstetricia. Porén, isto non implicou que se reforzara o persoal destas unidades.

Nun hospital que viña mantendo xa unha ocupación do 100% e con ingresos de adultos na pediatría por déficit de camas, critican que a planificación por mor das obras se deseñase co peche simultáneo de 60 camas (30 en Cirurxía e 30 en Traumatoloxía), xustamente no momento do ano de maior saturación de ocupación a causa das patoloxías propias desta época.

Dende CIG Saúde A Mariña alertan a toda a poboación da comarca de que esta situación se manterá cando menos ata o verán de 2019. Ata o momento, a central confirmou que, polo menos, tres persoas foron derivadas e ingresadas no HULA entre protestas de disconformidade. “Consideramos que facer unha planificación a sabendas de que vai provocar constantes ingresos da Mariña en Lugo durante un período tan prolongado no tempo non é de recibo e será a propia veciñanza a que sufra as consecuencias desta pésima planificación e costee do seu peto os gastos de verse obrigados a ingresar no HULA (viaxes, manutención, aloxamento, etc.)”, afirman.

Por iso, CIG Saúde reitera que o ideal sería acometer as obras en dúas fases e reclama da Xerencia do Hospital que adopte as medidas oportunas para garantir unha atención de calidade e minimizar os traslados a Lugo durante o tempo que duren os traballos de ampliación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com