Cinco accidentes en Lugo nas últimas 24 horas

Durante a xornada de onte luns 17 de agosto, rexistráronse cinco accidentes de circulación nos que non houbo que lamentar danos persoais.

Os axentes da Unidade de Atestados foron requiridos para intervir en cinco accidentes de circulación, ocorridos no centro urbano.

O primeiro deles sucede na Avd. Infanta Elena, na glorieta que enlaza co centro comercial As Termas, véndose implicados dous automóbiles e resultando só danos materiais. Minutos máis tarde, os axentes son requiridos na confluencia das rúas Concello e Sierra de Outes, tamén por colisión entre dous vehículos. En ambos os casos, os policías colaboran cos condutores implicados no enchemento do parte europeo de accidente, para dar coñecemento ás súas respectivas compañías aseguradoras.

Ás 14’30 horas comunícaselles que un automóbil causou danos no muro perimetral da escola de piragüismo “Brétema”, ausentándose do lugar. Os policías recollen datos achegados por varias testemuñas e inician as investigacións necesarias para a identificación e localización do causante dos danos.

Tamén se atenden accidentes na rúa Santiago (Volta da Viña), Rúa Industria e Benigno Rivera, na súa confluencia con Infanta Elena, saldándose cada un deles con dous vehículos implicados, só con danos materiais e con declaración amigable por parte dos implicados.

Ás 20’20 horas recibiuse aviso, na Sala do 092, sobre un accidente de circulación ocorrido na Avd. Benigno Rivera, no seu tramo procedente da incorporación desde a A6 (dirección Madrid). Debido a que, segundo a información recibida, como consecuencia do accidente, producíronse importantes danos materiais e posiblemente feridos, ademais de quedar afectadas ambas as calzadas da vía, desprázanse ao lugar os axentes da Unidade de Atestados, con apoio de unidades da Unidade Territorial de Policía de Barrio.

Unha vez no lugar, os policías proceden a asegurar a zona, sendo necesario cortar nalgún momento o tráfico rodado en ambos os sentidos de circulación, mentres se repoñía a zona destinada ao tráfico rodado a un estado apto para o tránsito, xa que sobre o pavimento quedaran esparexidos restos do vehículo e líquidos procedentes do mesmo, así como desprazados varios dos elementos que compoñen a mediana central divisoria de calzadas.

Para restaurar a seguridade na zona foi necesaria a intervención de varios servizos municipais, sendo ademais de gran importancia a colaboración dun particular que neses momentos circulaba polo lugar co seu camión e, sen previo requirimento, ofreceu a súa cooperación aos axentes para a retirada da calzada dos elementos da mediana que se desprazaron sobre o carril de circulación, actuación que este corpo policial quere agradecer publicamente.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com