Cinema europeo para todos os públicos

O obxectivo dos Codex Cinema desde a súa apertura sempre foi ofrecer outro tipo de cinema na cidade de Lugo. Un cinema que, de maneira inxusta, era sistematicamente apartado fronte ao pulo das grandes estreas de Hollywood.
Desta maneira, para a semana cinéfila que arranca mañá nas salas, Codex leva ás súas grandes filmes da tempada de festivais, obras premiadas en todo o mundo e que aínda estes días están acadando recoñecemento precisamente pola academia de Hollywood, como é o caso de Cold War ou Un asunto de familia.
Dende a empresa aseguran que non queren dar a imaxe de que “só nos limitamos a un cinema de autor particular”, unha liña que, confirman, seguirán practicando nas vindeiras semanas con filmes de autores tan relevants como Jean-Luc Godard ou Jia Zhang-Ke. De todos os xeitos, dende Codex aseguran que queren abrirse a experiencias de todo tipo para abarcar a todos os cinéfilos lucenses e que ningún “se sinta excluído” e, incluso, liñas máis similares ao canon hollywoodiense, para aqueles espectadores que teñan “algo de medo ante a esixencia que pode ter unha figura como Godard”.
Desta maneira, esta semana Codez trae a Lugo dúas estreas que responden ao cine de xénero de maior relevancia comercial: o “impresionante” filme de aventuras, Ötzi. O home do xeo, e a intriga The Guilty. Dous filmes que teñen como referentes moitos clásicos do cinema americano, pero feitos desde Europa, cunha óptica particular e sen caer na banalidade do cinema comercial actual,” que vende produtos prefabricados inchados con publicidade abusiva”.
No caso de Ötzi, esta odisea dun home da Idade de Pedra na busca de vinganza pode recordar, grazas as súas impresionantes paisaxes e a construción dun mundo a medio camiño entre a historia e a fantasía a O señor dos aneis
ou, a máis recente, O renacido. Filmes marcados por unha visión xigantesca da natureza, pola acción continua e pola maxia dun mundo por descubrir. A historia de Ötzi está baseada no famoso home de xeo descuberto no ano 1991 nos Alpes de Ötzal. Unha descuberta arqueolóxica fundamental para entender como vivía a humanidade no pasado. Sobre Ötzi (o nome que lle puxeron a esta reliquia arqueolóxica) escribiuse e fabulouse moito, e o filme que chega o venres a Lugo constrúese desde a imaxinación do director, pero tamén tendo en conta todo o traballo arqueolóxico dos últimos vinte e cinco anos.
Con The Guilty estamos ante un thriller filmado de forma primorosa, cunha atención ao detalle e un control sobre o suspense que hai moito tempo que non atopábamos, nun xénero que ultimamente aposta máis pola espectacularidade e as escenas de accións que polo desenvolvemento das personaxes e da intriga. O filme do danés Gustav Möller foi un éxito de público no seu país e conseguiu o recoñecemento crítico alí onde tivo estrea.
Salas para os cineastas galegos
En Codex Cinema apostan moi forte polo cinema galego. Dende a sala advirten que teñen moitas ideas para o futuro, mais tamén que queren coñecer todo o que se fai en Lugo e en Galicia. “Animamos a todos os cineastas da nosa terra, grandes e pequenos, a que se poñan en contacto con nós para amosar o seu traballo nun cinema, como merecen, e non queden recluídos a festivais dentro de programas de curtas ou a centros de arte, apartados da exhibición cinematográfica convencional”, convidan dende Codex.
Deste xeito, “fainos moita ilusión” poder facer un pase especial de Feminazi de Diana López. Esta curta que xa camiñou moito polos festivais galegos será proxectada en Lugo o próximo sábado 26 as 20:00 con entrada libre ata encher o aforo (140 butacas). “Agardamos que sexa unha boa oportunidade para que os espectadores que aínda non se achegaron aos nosos cines coñezan a nosa  proposta e tamén vexan cinema galego que se fai desde a base”, todo ese cinema que moitas veces queda oculto ou desprazado fronte ao ruído doutras propostas. O acto contará coa presenza da propia cineasta que fará un coloquio co público ao finalizar a curta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com