Ciudadanos reclama “melloras urxentes” nos colexios antes do comezo do curso escolar

O grupo municipal de “Ciudadanos” no Concello de Lugo esixiu esta mañán ao Goberno de Lara Méndez que leve a cabo unha serie de “melloras urxentes” nos colexios aproveitando os meses do verán para que os centros de ensino públicos da cidade se atopen “en perfectas condicións para o comezo do vindeiro curso escolar”.

Os dous concelleiros de Ciudadanos, Olga Louzao e Juan Vidal-Pardo, realizaron esta mañá un percorrido polos distintos colexios de Lugo e constataron “que son necesarias obras de mantemento e mellora na inmensa maioría deles”. “Os que presentan maiores deficiencias son os colexios do extrarradio da cidade”, asegurou Olga Louzao.

A portavoz de “Ciudadanos” explicou que “a deixadez dos últimos anos é patente en colexios como o das Gándaras, onde os pais e nais mesmo colocaron unha pancarta esixindo melloras no patio onde xogan os seus nenos e nenas, que non ten nin canastras, ao levaren meses rotas”, denunciou Olga Louzao.

Pero mesmo nos colexios do centro hai importantes deficiencias sen solucionar desde fai anos. Na Anexa, por exemplo, a dirección do centro e o Consello Escolar levan anos pedindo ao Concello que solucione os problemas de accesibilidade e de anegamento no inverno do acceso dos nenos e nenas de Infantil. “Trátase de obras sinxelas que o Concello non foi quen de executar nos últimos anos“, subliñou Louzao.

Vieiros Escolares Seguros

Ciudadanos reclama tamén ao novo concelleiro de Educación do Goberno municipal, Felipe Rivas, que poña en marcha de cara ao vindeiro curso os Vieiros Escolares Seguros “para fomentar que os nenos e nenas poidan acudir aos distintos centros escolares camiñando sen perigo“.

Ademais, “o documento establece que son necesarias melloras na maioría das rutas para acondicionalas e facelas seguras, uns traballos que deberían ser acometidos nestes dous meses de xullo e agosto se queremos que os percorridos estean sinalizados para o comezo do curso”, afirma Olga Louzao.

Entre outros exemplos, Ciudadanos sinalou que “é necesario prolongar as beirarrúas no entorno do colexio de Albeiros e dotar de beirarrúas o das Gándaras, actuacións aprobadas no ano 2016 e que aínda non foron executadas”,

Axudas para libros de texto e material escolar

Do mesmo xeito, Olga Louzao e Juan Vidal-Pardo esixiron ao Concello que “publique de inmediato a convocatoria de axudas para adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a aquelas familias con menos recursos económicos, de maneira que todos os nenos e nenas de Lugo poidan comezar o curso co material necesario sen necesidade de que os libreiros teñan que adiantarlles os cartos que logo o Concello tarda meses en abonarlles“.

Para a voceira de Ciudadanos, esta situación, que se ven repetindo nos últimos anos, obedece a “unha clarísima falta de previsión por parte do Concello”. Olga Louzao lembra que “o BNG ten denunciado esta situación en numerosas ocasións, o mesmo que a falta de accesos axeitados aos colexios, polo que lle pide que agora que ten a responsabilidade de poñelo en marcha desde a Concellería de Educación, execute todo isto que antes esixía sen demora”.

Novas relacionadas

  1. Luis Díaz
    Xul 09, 2019 - 03:04 PM

    Bueno … por lo menos de esta vez reclaman algo yendo de ” normales ” y no se presentaron delante del colegio con una perfomance infantil , como en otras reivindicaciones nos tienen acostumbrados

    Reply
  2. Bárbara Ruth Soto Lucas
    Xul 09, 2019 - 02:30 PM

    Qué di Ciudadanos de que o colexio de A Ponte teña un cartaz de TECOR na súa porta? Iso pareceralles axeitado seguro e educativo!?

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com