O xogador Pau Cendrós pasou hoxe pola sala de prensa para dar conta do momento do equipo na semana previa ao enfrontamento co Córdoba Cf. O lateral referiuse á capacidade do grupo para recuperarse tras a última derrota, subliñando a fortaleza dun carácter que debe ser elemento crave no crecemento xornada a xornada.
Preguntado pola súa situación, expresou a súa felicidade por unha participación ampla no once ata o momento, só cortada pola incidencia tras a súa lesión, de cuxas doenzas xa se recuperou. Confía no orgullo e a gallardía do equipo para superar a un dos candidatos ao ascenso.
“O equipo está recuperado da derrota, recuperou ben. Temos que seguir fortes na casa para gañar, é obrigado refacerse, e máis diante da nosa xente, é importante. A máscara molesta un pouco, a verdade. É incómodo, pero xa me adaptei. Polo menos, deberei levala tres ou catro semanas máis”
“Eu traballo para xogar. Que me chegase a oportunidade tan rápido é algo que agradezo, agora tócame devolver esa confianza e apoiar ao míster. A derrota foi un cúmulo de circunstancias, pero está claro que temos que corrixir. Analizamos os partidos e sacamos conclusións, facémolo de maneira continua. Chegan agora dous partidos na casa, son importantes. Este, sobre todo, é o fundamental, creo eu. É o que pode empuxarnos cara arriba”.
“Con máis confianza prodigarémonos máis en ataque. A min gústame subir, pero sei que o primeiro nun defensa é defender. Aos poucos, se os resultados acompañan, iremos a máis. A baixa de Iriome é importante, axúdanos moito, pero todos os compañeiros poden sumar. Todos estamos a adestrar ben, estamos moi unidos, e iso nótase. Salga o que salga estamos tranquilos. A competencia é boa”.
“Se eles teñen baixas, é un aspecto que nos favorece, non hai dúbida. Con todo, nós temos que facer o noso fútbol, e máis na casa. Víase que o Córdoba CF ía coller esa serie positiva. Pero nós aquí estamos ben, somos sólidos, e queremos seguir nesa liña. Non encaixar é importante. Andabamos moi ben nese aspecto, hai que volver.”
“Pode ser un partido bonito, son dous equipos que propoñen e que queren a pelota. A ninguén lle gusta perder, este equipo ten orgullo. O grupo quere gustar na casa e facerse forte. O equipo repúxose, adestrou ben, sabe o que fai. Sabemos que o traballo que estamos a facer dará os seus froitos.”
“Queremos facer máis goles. Pero isto é cousa de todos, o meu máximo apoio para os dianteiros, sobre eles recae moita responsabilidade que debe ser compartida. Se eles non marcan, é cousa de todos. Pero creo que coa xente que temos, iso chegará. Con máis soltura e confianza, todo chegará. Ogallá que empece a entrar a pelota e que empecemos a gañar. Este equipo demostrou que ten ambición, iso é importante. Que se vexa un equipo valente, que propón e con personalidade”, concluíu.