Comeza a montaxe da estrutura do Impulso Verde, edificio pioneiro en sustentabilidade que se constrúe con madeira certificada galega 100%

O edificio Impulso Verde comeza a tomar forma. Logo de que os traballos para a súa construción se iniciasen a finais do pasado ano, coa execución dunha laxa de formigón sobre o terreo da parecela ubicada na zona da Garaballa, onte comezou a montaxe da estrutura central do edificio, trala chegada dos primeiros camións coa madeira certificada da Mariña que se empregará, procedente do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz.

A alcaldesa, Lara Méndez, comprobou este venres in situ o avance das obras. “En só 24 horas puidemos ver como a construción da estrutura, grazas a este modelo de edificación, avanza a un ritmo moi rápido. Nos vindeiros días poderemos observar como evoluciona e se van montando as diferentes partes do edificio, que contará con tres plantas. A previsión é que a mediados do mes de marzo poida estar xa rematada toda a estrutura”, explicou a rexedora.

Unha vez finalizada a montaxe da estrutura principal, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra de Galicia, así como a división interior, tabiquería, carpitenrías interiores, e por último, a dotación de mobiliario.

O Impulso Verde será o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia, concretamente da Mariña, e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático. As obras, que se enmarcan no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á EGOIN S.A. e contan cun prazo de execución de 15 meses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com