" />

Comeza o X Salón do Cabalo Equigal

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este venres a X edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo durante esta fin de semana. Deputación e Concello son as únicas administracións que colaboran con esta cita.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación de Lugo estamos moi comprometidos con este tipo de iniciativas, que supoñen un grande revulsivo económico para a cidade de Lugo pero tamén para a provincia. E fixémolo porque sabemos da importancia que teñen estas citas deportivas, que moven, de media, a máis de 10.000 visitantes, que puideron desfrutar da riqueza que temos na nosa provincia”. O Titular Provincial lembrou tamén que o organismo provincial colaborou co Equiocio, con outros 10.000 euros.

Méndez López apuntou que “Equigal converte cada ano a Lugo, á nosa cidade, na capital do cabalo de todo o Noroeste peninsular e mesmo de toda España. De feito, este certame está entre os 5 mellores de todo o país, danse cita os mellores xinetes e eguadas de todo o territorio nacional e acolle actividades para todo tipo de públicos en torno ao mundo do cabalo que atraen a milleiros de persoas”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita 120 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España.

Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Actividades de lecer

Ademais do concurso morfolóxico arredor da Pura Raza Española, o salón Equigal acollerá 3 espectáculos ecuestres relacionados co mundo dos cabalos, dous deles gratuítos e un de pago.

Hoxe, venres 28, celebrarase o espectáculo de Doma de cabalos de Pura Raza Galega da man do polifacético Xacobo Pérez Paz e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Na xornada do sábado 29, os protagonistas serán os xinetes do Espectáculo do Carrusel Hípica Amazonas. E tras eles, terá lugar o Espectáculo “Duende ecuestre, el arte a caballo”, a cargo do Centro Ecuestre El Rebollido. Este espectáculo terá un novo pase na xornada do domingo 30; neste caso, a entrada custa 10 euros para os adultos, e 5, para os nenos.

O X Salón do Cabalo tamén conta con actividades de lecer infantil relacionadas co mundo ecuestre. Así, os máis pequenos terán á súa disposición inchables, obradoiros e un poni clube supervisado por monitores, que ofrecerá a oportunidade de tomar contacto por primeira vez coa arte da equitación, cun animal caracterizado pola súa nobreza e mansedume. A programación complétase coa zona expositiva, que inclúe postos de artesanía e produtos do campo.

A entrada de Equigal 2017 ten un prezo de 3 euros, dos cales unha parte serán doados a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo