Con 143 positivos, a provincia de Lugo supera a metade dos casos galegos

A provincia de Lugo continúa sumando casos activos de Coronavirus nas súas áreas sanitarias. Co gran brote da Mariña, son xa 143 os positivos por Covid-19 na provincia, que supera así a metade dos casos de toda a comunidade galega.

Así o confirmaba esta mañá a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade que situaba a cifra de casos activos en Galicia en 254. Do total de pacientes infectados, 6 están en unidades de hospitalización; 5 deles no territorio lucense; e o resto, 248, recupéranse no seu domicilio.

Segundo confirma o Sergas, a día de hoxe, o número de PCR realizadas acada xa as 199.680 e as persoas curadas xa son un total de 10.808.

No tocante ás residencias da terceira idade,os datos de servizos sociais revelan a ausencia de falecementos na xornada de onte, así e todo continúa activo un caso dun traballador nun dos centros.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

A Mariña

No relativo á comarca da Mariña, a Consellería de Sanidade vén de confirmar, segundo o número de probas realizadas ata esta mañá, outros 22 casos positivos de persoas afectadas por Covid-19, o que eleva a 128 o total de casos detectados pola Plataforma de Vixiancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Sen embargo, tamén informan de que 9 pacientes xa están curados e foron dados de alta, o que implica que o número de casos activos na comarca, nestes momentos é de 119.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com