Concello e Deputación cualifican de desleal a CHMS

Concello e Deputación de Lugo consideran unha falta de compromiso, de lealdade institucional e ninguneo a prontitude coa que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil respondeu a un chamamento dun grupo político, para unha posible ubicación dunha zona pública de baño no río Miño, deixando a expensas as solicitudes presentadas no seu día por ambas entidades e obviando a debida colaboración entre institucións, que é o que realmente redunda na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento da nosa cidade.

Ante esta situación, ambas institucións lamentan a reacción electoralista da CHMS de responder en 6 días a un documento presentado, sen ningún informe que o avale, mentres Concello e Deputación levan meses agardando por respostas con respecto á praia fluvial, a pesares de que as súas peticións si están avaladas por informes técnicos. Neste senso, as entidades estiman que dita actuación amosa ademais unha desconsideración cos traballadores e traballadoras das institucións, posto que realizaron un traballo para acreditar ditas solicitudes, que quedaron gardadas nun caixón.

Por este motivo, e dado que Concello e Deputación están a buscar unha alternativa para crear na cidade unha praia fluvial, despois de quedar descartada a ubicación inical por estar localizada nunha zona protexida pola Rede Natura, piden a máxima celeridade á Confederación para desbloquear tanto a creación dunha zona de baño tan demandada polos lucenses como noutros asuntos pendentes coa cidade.

BNG

Por outra banda o Bloque referiuse á posible creación de máis de unha zona de baño no río Miño, alegrouse da boa disposición da alcaldesa “para ampliar o número de zonas de baño” e considera que “a nosa proposta é óptima para multiplicar os espazos de baño”. “Xa reiteramos que o noso proxecto está a disposición do goberno municipal e tamén nos ofrecemos a asesoralos en canto aos trámites coa Confederación Hidrográfica” dixo Arroxo.

Rubén Arroxo explicou, sobre o proxecto plantexado polo BNG –AA, para a creación de zonas de baño, “a nosa proposta é sostible, útil, e pódese trasladar a diferentes zonas do río”. Segundo sinalou o edil nacionalista “o proxecto de acceso desmontable que presentamos é asumible economicamente, é sostible e non provoca impacto ambiental nin paisaxístico”

O BNG-AA mantén que lugar idóneo para a creación da zona pública de baño é a zona das Saamasas. “Evidentemente tampouco nos negamos a que se sitúen zonas de baño noutros puntos do río, pero a nosa aposta é de empezar facendo o de As Saamasas” asegurou Arroxo. O BNG-AA seguirá traballando para que Lugo conte coa zona de baño pública e “ante a inacción que se percibe” iremos traballando pola nosa conta por que “os lucenses saben que o goberno municipal nin está, nin se lle espera”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo