Concello e Deputación esixen á Xunta converter o Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo presentou este luns unha moción que elevarán ao Pleno do ente provincial para esixir á Xunta que convirta o Cuartel de San Fernando no Museo Arqueolóxico Galaico-Romano. Este proxecto, iniciado no 2008, atópase parado dado que, segundo denuncian os socialistas, o Goberno Galego non asumiu os compromisos adquiridos para devolver o uso público desta infraestrutura.

A través desta moción, Deputación e Concello de Lugo, solicitan que a administración autonómica asuma o compromiso que ten adquirido dende hai anos para facerse cargo do edificio, co fin de solicitar canto antes os diferentes proxectos de rehabilitación, escavación e museográfico, así como a dotación económica para, “facer realidade a creación do Museo”, subliñou Fernández.

A iniciativa, que será debatida no Pleno de mañá da Deputación e do xoves do Concello, propón que o Museo sexa proxectado como un centro multicultural no que se podan desenvolver diversas actividades ao longo de todo ano, e no que se de mostra da riqueza patrimonial e achados arqueolóxicos da provincia de Lugo.

A deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto subliñou que “dende todas as administracións temos a obriga de pór en valor o patrimonio público. Por iso presentamos esta proposta, porque entendemos que debemos sumar esforzos para dotar o patrimonio dun uso público, buscando o mellor servizo para os nosos veciños. Por este motivo, dende a Deputación e Concello de Lugo levaremos estas mocións ao Pleno para debatelas co fin de buscar unha solución viable a este edificio”. A Vicevoceira lembrou que a realización deste Museo é unha débeda pendente da Xunta cos lucenses, “que esperamos que finalmente se cumpra”.

O Voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández, lembrou que este edificio ten un valor histórico, xa que é unha das primeiras mostras de estilo neoclásico que hai en Galicia. Deste xeito, Fernández destacou que o Cuartel está declarado como Ben de Interese Cultural, o que obriga á Xunta a cumprir coa responsabilidade patrimonial que ten sobre este tipo de edificacións.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com