Concello e Deputación instalarán 283 luminarias no paseo do Río Rato

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, informaron este venres sobre o proxecto de alumeado no Paseo Fluvial do Río Rato e da estrada LU-P- 2925. Fixérono logo de que o Executivo Provincial aprobouse na Xunta de Goberno de hoxe o inicio do proceso de contratación destes traballos por valor duns 1,4 millóns de euros (1.364.913 euros), financiados polo organismo provincial.

Méndez explicou que se actuará nun treito de 7 quilómetros, que discorre entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón. Situaranse 283 puntos de luz ecolóxicos (LED). Son 103 iluminarias na estrada e 147 no paseo fluvial, dos que 3 son proxectores para o túnel que hai debaixo da rotonda que comunica con dito parque. A intensidade dos puntos de luz oscila entre os 179 vatios e os 12,5, tendo en conta a súa ubicación e respectar o medio ambiente. Tamén para reducir o impacto ambiental, hai 252 farolas de color neutro. A distancia entre as mesmas é de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As do paseo teñen 1 punto de luz e nalgunha da estrada dobre iluminaria.

Campos Conde explicou que, aínda que o proxecto estaba listo e dita partida orzamentaria reservada nas arcas provinciais, pódese poñer en marcha agora esta adxudicación logo de esperar por 8 autorización imprescindibles segundo a lei por parte de distintas administracións. Estas foron as seguintes: avaliación de impacto ambiental, incidencia ambiental, permiso de conservación da natureza e autorización de urbanismo por parte da Consellería de Ordenación do Territorio e do Medio Ambiente; permiso da unidade de estradas do Ministerio de Fomento; autorización de Adif, licenza de obras do Concello e, finalmente, autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Precisamente, foi esta última, a que máis se demorou, pois chegou nas pasadas semanas. Nesta comunicación, a Confederación tamén plantexou unha recomendación, que non unha obriga, que Deputación e Concello decidiron aplicar. “Fixémolo coa máxima celeridade”, apuntou o presidente. Esta consistiu en situar as iluminarias uns 5 metros máis afastadas da canle do Río Rato. Isto supuxo que os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación tivesen que recalcular todo o proxecto, pois, ao cambiar as farolas de ubicación, houbo que volver a graduar a intensidade de cada un dos puntos de luz, tendo en conta a súa situación para respectar o medio ambiente.

“Acadados todos os permisos, e feita esta pequena modificación no proxecto, arranca a contratación destas obras, que prevemos iniciar a principios de ano e rematar tamén no 2017”, apuntou Campos. O prazo de execución é dun máximo de 1 ano. A alcaldesa subliñou que “este gran proxecto, que retomamos, está pensado en todos e cada un dos 98.134 veciños e veciñas de Lugo, pensado por e para as persoas, como nos gusta traballar dende o Concello e Deputación de Lugo, coas persoas”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Marcos Bourio Corral
    Nov 12, 2016 - 03:38 PM

    OS iluminati !!!!!

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com