O Concello remite á Xunta a solicitude dos locais da Tinería

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá remitir ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a solicitude de adxudicación directa dos 9 locais comerciais libres da Tinería para o seu alugamento por un período de 5 anos, prorrogable por outros 5, co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa, xestionado polo CEI Nodus do Concello, cunha ampla e recoñecida traxectoria neste eido, que contribúa á revitalización social e económica do barrio.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a petición ao IGVS será remitida hoxe mesmo, cumprindo así cos prazos marcados polo organismo autonómico, que pediu unha resposta municipal en 15 días hábiles contados dende o 29 de novembro.

O proxecto de Orzamentos do 2018, que o Goberno somete mañá a debate do Pleno, inclúe a provisión económica necesaria para o arrendamento dos locais da Tinería, no apartado de Promoción do Emprego, polo importe marcado tamén polo IGVS, que vai dende os 2.115€ aos 585€ ao ano por local, e que suman en total 21.986,11€ (IVE incluído).

Fernández lembrou que, ante falta de vontade política da Xunta de ceder gratuitamente os locais -a primeira opción do Goberno de Lara Méndez, e tal e como permite a lexislación vixente, segundo constatan nun informe o Secretario e a Vicesecretaria do Concello-, o Executivo optou polo aluguer. Desbotada pola Administración autonómica a cesión gratuíta, “o arrendamento é a mellor opción, segundo constata nun informe a técnico municipal de Desenvolvemento Local”, explicou o voceiro.

Deste xeito, “queda claro que, ante os problemas da cidade, o Concello sempre está na busca de solucións, que plasma en feitos”, asegurou o Concelleiro. “Queda así mesmo claro o compromiso firme do Goberno co barrio, pois coa xestión municipal dos locais comerciais como viveiro de empresas, o Concello consegue que estes bens públicos se manteñan en mans públicas, e non se privaticen como pretendía a Xunta coa poxa, garantindo ao mesmo tempo a dinamización social e económica da Tinería de maneira eficaz a través dunha economía sostible e de valor engadido, ademais de seguir fomentando a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense”, asegurou o voceiro municipal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com