Concello e Xunta reúnense para valorar as posibilidades dos locais da Tinería

As administracións local e autonómica seguen na loita polos locais da Tinería. A Xunta de Galicia pretende a venda dos mesmos ou ben mediante poxa -xa en tramitación- ou ben baixo o sistema de adxudicación directa ao Concello de Lugo quen, pola súa parte, se amosou interesado en comprar estes locais ou facer uso deles a través dunha cesión sen coste por parte da Xunta de Galicia ao goberno da cidade. Pero o ente autonómico non está moi de acordo nesta última proposta e, asegura ademáis, que non é legal. Ante esta situación, a alcaldesa, Lara Méndez, reuníuse hoxe co Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro para valorar as posibilidades de actuación sobre estes locais.

O delegado salientou da reunión que “a rexedora adquiriu o compromiso de solicitar formalmente -de xeito oficial e por escrito- a próxima semana os locais”, esta solicitude formal era condición imprescindible para que a Xunta paralizase o procedemento de poxa dos locais comerciais que a Conselleria de Infraestruturas e Vivenda puxo en marcha e para o que só restaba a publicación no DOG.

Horas antes de entrar a esta reunión, Lara Méndez, asegurou que a cesión de uso dos locais é legal e viable, pero “en todo caso como a aposta do goberno é a rehabilitación do barrio e cremos firmemente neso e o vemos imprescindible para o desenvolvemento de todo o casco histórico, de non ser a cesión de uso dos locais, sería a adquisición dos mesmos”. Méndez insistía na paralización da poxa, pois “no momento que esta poxa esté publicada no DOG non haberá volta atrás e temos 3, 4 , 5 días para que eso ocorra”.

Balseiro aconsellaba á rexedora que levara esta solicitude a pleno para que o goberno local amose que ten o respaldo da corporación dado que “como é notorio o Goberno local esta en minoría”. Ante esto, tivo tamén unhas palabras esta mañá o voceiro do Grupo Popular Municipal, Antonio Ameijide, quen esixiu a Lara Méndez a creación dun pleno extraordinario para chegar a un acordo canto antes sobre a compra destes locais.

Asemade, Antonio Ameijide brindoulle, de forma pública, o apoio dos concelleiros do PP para respaldar esta proposta oficial. O voceiro dos populares adiantoulle que, na xunta de voceiros do vindeiro luns, vaille trasladar á Lara Méndez unha petición para que convoque, incluso se é necesario antes do pleno ordinario do vindeiro xoves, unha sesión extraordinaria para sacar adiante esta operación. “Hai que formalizar axiña esta adquisición, xa que a poxa pública que se está tramitando non se pode paralizar ata que chegue unha petición oficial, non estamos dispostos a que se sigan perdendo oportunidades para revitaliar este barrio” reflexionou o voceiro popular. Ameijide incidiu en que “o PP garantízalle que a súa proposta salga adiante xa que estamos falando dun goberno débil e en minoría e o que lles ofrecemos é o noso respaldo en pleno”.

Cidadáns apoia á alcaldesa

Outro grupo municipal que xa se pronunciou a este respecto foi Cidadáns. A súa voceira, Olga Louzao, anunciou esta mañá que apoia a proposta feita pola alcaldesa para que estes locais sirvan para fomentar iniciativas emprendedoras que creen emprego e dinamicen o barrio pero ante todo, pedíulles a Balseiro e a Lara Méndez “que deixen a un lado a busca do protagonismo nesta traxicomedia e traten de colaborar para revitalizar o barrio”.

Louzao afirmou que “non ten ningún sentido que en lugar de buscar solucións aos problemas Xunta e Concello se dediquen a poñerse zancadillas mutuas prexudicando aos cidadáns de Lugo”. A voceira de Cidadáns dixo que o PP e a Xunta de Galicia teñen moita responsabilidade na situación da Tinería e pediulle a Balseiro “máis axilidade e fondos para rehabilitar o barrio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com