Concellos e entidades poden solicitar axudas da Xunta para contratar orientadores laborais

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que o executivo autonómico vén de abrir o prazo para que os concellos e entidades sen ánimo de lucro poidan contratar ou renovar orientadores laborais. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina a estes apoios en toda Galicia preto de 7 millóns de euros.

Balseiro lembrou que no pasado exercicio a Xunta investiu en Lugo 798.000 euros ao abeiro deste programa, favorecendo a contratación de 32 orientadores laborais. Deste montante global, 298.000 euros destináronse ás entidades locais -11 concellos e a Deputación Provincial- e 500.000 euros a 20 contratos realizados por dez entidades, entre elas a Confederación de Empresarios, o sindicato UXT, Cogami ou Fademga.

O delegado sinalou que con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria garante o mantemento deste servizo destinado a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Galicia. Trátase dun instrumento para promover a configuración dunha rede especializada de técnicos encargados da mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas desempregadas.

O prazo de solicitude rematará o próximo 8 de marzo. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de 25.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. A cantidade será de 28.000 euros no caso das entidades sen ánimo de lucro de atención a persoas con discapacidade.

Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas.

Estes profesionais encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Co financiamento destas accións en materia de orientación, a Consellería busca facilitar a inserción e reincorporación laboral dos desempregados, ademais de favorecer a súa mobilidade profesional no mercado de traballo e dar apoio para que os destinatarios tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades formativas. De feito é unha das medidas incluídas nas políticas activas de emprego deste departamento.

Tamén se procura mellorar a empregabilidade dos traballadores e desenvolver o espírito emprendedor e as iniciativas de autoemprego. A Xunta pretende, ademais, potenciar unha participación activa no procedemento de acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com