Conde anima a alumnos de Monforte a formarse permanentemente

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, animou hoxe aos alumnos do Instituto de Educación Secundaria Río Cabe, de Monforte, onde falou, a “non poñer límites ás súas aspiracións” e salientou que, para iso, é imprescindible a formación permanente. “Se vos teño que aconsellar algo, son tres palabras: formación, formación e formación”, dixo o conselleiro, que animou aos escolares a “aproveitar todas as ocasións” para abordar novos proxectos de aprendizaxe. Conde dirixiuse aos estudantes no marco das conferencias que o centro está a celebrar co gallo do seu 50º aniversario, nun encontro no que lembrou os seus anos como estudante do centro, desde 1982 a 1986.

Durante a charla, o conselleiro chamou a apostar pola curiosidade investigadora, pola paixón vocacional, pola seriedade no traballo e polo labor de equipo, valores que, resaltou, farán deles homes e mulleres que marquen o paso da Galicia do futuro. Conde resaltou que eses mesmos valores impregnan moitas das novas compañías tecnolóxicas galegas que ten coñecido no seu traballo  á fronte da Consellería.

O conselleiro apuntou ademais a importancia da familia como piar do proxecto vital dos alumnos, e subliñou o papel clave que xogan os profesores do IES, en tanto que “da educación depende o que sexamos como país nos vindeiros anos”, e o talento que se forma nas escolas marcará no futuro a innovación das empresas, a investigación nas universidades, os cambios na industria e o emprendemento.

Por último, Conde chamou a “non acomodarse nunca” e buscar constantemente novos retos, e subliñou que é precisamente na mocidade “o momento de equivocarse, de fracasar, de aprender do fracaso e volver a levantarse”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com