" />

Condenada por suborno a secretaria do Concello de Barreiros

A Audiencia Provincial de Lugo condenou, por cometer un delito de suborno, á secretaria-interventora do Concello de Barreiros no ano 2007 a pagar unha multa de 75.000 euros e á suspensión de emprego ou cargo público durante catro meses e quince días. O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, considerou acreditado que a acusada cobrou 100.000 euros a un promotor de varios edificios da zona “como contraprestación por determinados favores que ela, no exercicio do seu cargo, lle realizaba”. A Audiencia tamén lle impuxo ao construtor o pago dunha multa de 35.000 euros, así como sesenta días de suspensión de emprego ou cargo público, por cometer un delito de suborno. Neste caso, optou pola tipificación máis beneficiosa para el porque descoñece se o pago foi por solicitude da secretaria ou ofrecido polo acusado.

Ademais, o tribunal condenou por un delito de falsidade en documento público á persoa que naquela época exercía como auxiliar administrativa no Concello de Barreiros por realizar unha anotación favorecendo un expediente para a construción de 51 vivendas. Os maxistrados indican na sentenza que se descoñece quen lle indicou “a conveniencia” de engadir a anotación, algo do que acusaban á secretaria, polo que a absolveron do delito de falsidade en documento público que lle imputaban. A auxiliar administrativa foi condenada a dezaoito meses de prisión, ao pago dunha multa de 540 euros e á inhabilitación para o desempeño de traballo en calquera administración pública durante un ano.

Os xuíces salientan na sentenza, contra a que cabe presentar recurso, que o ingreso dos 100.000 euros é “un dato obxectivo e irrefutable” e destacan que os investigados non deron unha explicación que xustificase ese pago. Ademais, indican que nunha gravación que consta na causa, o construtor “non negou en absoluto o pago de cartos á secretaria, senón que o que pretendía era o determinar como disimular ese pago”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo