Continúa a escalada sen freo de casos covid cun gran aumento dos positivos detectados nas últimas horas

A provincia de Lugo continúa a verse afectada polos gromos activos, e non deixa de sumar casos. O día no que reabre o ocio nocturno, Lugo presenta os peores datos dos últimos 30 días. 

Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e no que cifran en 222 os casos activos, 16 máis que na xornada do martes. 

O certo é que non é tan preocupante esta suba como a do número de positivos detectados que chega ás 27 persoas, tras os cribados realizados ante os numerosos gromos que se están a dar na provincia. 

Con todo, a presión asistencial manténse e continúa sumando 5 persoas ingresadas. 3 en unidades convencionais, dúas no HULA e un no Hospital de Monforte, e outras dúas na UCI do Hospital lucense. Tamén se mantén o número de falecidos na provincia en 216, dende o inicio da pandemia. 

O único baremo que continúa amosando un freo case diario é o número de altas recibidas, en total dende a chegada do virus á provincia recuperáronse da infección 12.824 persoas, 7 delas na última xornada.

Estes datos danse o día no que a Xunta permitía a reapertura dos locais de ocio nocturno. Tan só, nos municipios cun nivel baixo de restricións, estes establecementos poderían esta madrugada abrir as súas portas ao público logo de meses pechados.

Noutro senso, o SERGAS vén de decidir realizar nos vindeiros días un cribado a todo o alumnado de primeiro e segundo de bacharelato da cidade de Lugo, pola evolución do macro gromo causado tralas viaxes de fin de curso a Mallorca. E é que a cidade de Lugo conta xa con 19 casos vinculados á illa, entre os que se inclúen catro estudantes que viaxaron a Gandía e que tiveron contacto con xente que chegara ao levante logo de pasar uns días na illa.

Sanidade amosou a súa preocupación pola aparición de novos positivos de entre 17 e 18 anos de idade que están a resultar contaxios secundarios dos que se contaxiaron na viaxe de fin de curso. Este mércores detectaron, asemade, un gromo no grupo de triatlón do Club Fluvial con cinco afectados desa idade, que desencadearon nun cribado no entorno do equipo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com