Controversia pola pista de xeo entre PP, PSOE e CIDADÁNS

A instalación dunha pista de xeo durante o pasado Nadal na praza Horta do Seminario, segue xerando unha gran polemica entre o a Concellería que dirixe, Carmen Basadre, e os grupos Cidadáns e Partido Popular. Hai uns días Cidadáns denunciaba que a pista se instalara sen os perceptivos permisos e tamén que a empresa pasara unha factura ao Concello de 16.000 euros por invitacións. Asemade, o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acususba ao goberno municipal de regalar 30.000 euros á empresa da pista de xeo. Ameijide explicou en rolda de prensa que “o goberno municipal decidiu aplicar neste caso a taxa correspondente ao epígrafe “actuacións circenses e outras semellantes”, estipulada en 85,85 euros por día, de xeito que se impuxeron uns costes de 6.009,50 euros de acordo co estipulado na ordenanza fiscal 152 relativa a aproveitamentos especiais de vía pública”.

Pola contra, de ter empregado como referencia o epígrafe “que a todas luces parece moito máis acaído e lóxico, como é o de postos, barracas, espectáculos ou atracións”, a cantidade a abonar pola empresa sería de 32.216,80 euros, resultado de multiplicar o importe base (0,88 euros) por metro cadrado ou facción de terreo ocupada (neste caso, 523 metros unha vez sumada a pista de xeo e a carpa auxiliar) e polos días de instalación (70 días), subliñou.

Ante esta situación, Antonio Ameijide advertiu de que “alguén do goberno municipal terá que explicar este novo desfase económico neste proceso”, aínda que “moito nos tememos que o comportamento da edil de Cultura e da alcaldesa seguirá sendo igual de hermético que foi todo o procedemento de contratación”.

Incumprimento no prazo de pagamento.-

Por outra banda, o vicevoceiro popular tamén denunciou que “os socialistas non reclamaran á empresa o pago das taxas por instalación da actividade ata moito despois do que deberían telo feito”. Nesa liña, explicou que o artigo 5 desta mesma ordenanza recolle que a obriga de pagamento nace “no momento de solicitar a licenza ou no momento de comezar os aproveitamentos, no caso de non contar con licenza”. Deste xeito, explicou que a firma privada debería ter abonado o importe pola ocupación a finais de novembro, momento no que comezou a súa instalación, “en lugar de facelo a finais de febreiro, tres meses despois de iniciar a actividade e varias semanas despois de ter rematado esta”. “Pero o certo é que a edil de Economía non decretou a obriga de pagamento ata hai xusto unha semana, o día 25 de febreiro”, aseverou Ameijide, para quen “de novo, os documentos volven deixar ao descuberto a falta de xestión, de preocupación e de interese dos socialistas”.

Á vista desta situación, o popular reflexionou “que pasaría se a empresa xa estivera disolta no caso de que só se tivese creado para prestar este servizo”, ao tempo que anunciou a presentación dunha batería de preguntas ao goberno municipal encamiñadas a coñecer “a que obedece tanta arbitrariedade á hora de aplicar esta tarifa e de non reclamar o pagamento ata moito máis tarde do estipulado na ordenanza”.

“O que está claro é que esta empresa non tivo o mesmo trato que o resto de firmas privadas ou de veciños de Lugo, polo que a alcaldesa terá que aclarar todas as anomalías que se foron facendo públicas”, concluíu o vicevoceiro popular.

Resposta do goberno municipal

O goberno municipal por medio da súa rexedora, Lara Méndez, respondeu   que “ a aplicación da taxa para a liquidación correspondente pola ocupación realizada pola empresa que instalou unha pista de xeo entre o 27 de novembro de 2015 e o 4 de febreiro de 2016 na praza Horta do Seminario está perfectamente regulada e responde de maneira estrita a criterios técnicos, polo que as declaracións do grupo municipal do Partido Popular ao respecto responden a unha mala interpretación, errónea e retorcida, das ordenanzas municipais para intentar desvirtuar a realidade”.

Lara Méndez declarou que “as disposicións técnicas do servizo de Facenda Local recollidas nun decreto asinado pola Concelleira de Economía, Ana Prieto, o 25 de febreiro, establecen que é de aplicación o artigo 4º, epígrafe E, letra B) da ordenanza fiscal nº152, reguladora das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, correspondente a “Actividades industriais ou actividades da rúa e ambulantes”, en concreto, “Actuacións circenses e outras semellantes”, estando enmarcada a pista de xeo na segunda parte deste epígrafe –“outras semellantes”-, dado que, evidentemente, non se tratou dunha actuación circense, e que unha ordenanza reguladora nunca pode especificar unha por unha toda a casuística de eventos ou actividades que se organizan nunha cidade”.

Deste xeito, continuou, “queda de manifesto que a aplicación da taxa está regulada e responde a criterios estritamente técnicos”. “O Goberno non decide que taxa se aplica, é unha cuestión técnica”, subliñou a Alcaldesa. Lara Méndez recomendou ao Partido Popular que, antes de “tratar de utilizar politicamente unha cuestión coma esta, debería coñecer ben as ordenanzas e os procedementos da administración, sobre todo despois de máis de 16 anos na oposición, e, cando non saiba, debe preguntar aos técnicos ou ao Goberno”.

Resposta de Basadre a Cidadáns

Por outra banda, e con respecto ás declaracións de Cidadáns sobre o importe da factura presentada ao Concello pola empresa da pista de xeo -16.000 euros-, a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, reiterou que tal cantidade, que deberá ser xustificada pola firma, corresponde a 600 invitacións, pero tamén a entradas de diversas asociacións, colectivos, centros educativos… que en total suman máis de 3.500 persoas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com