Controversia polas contas de Lugonovo

Ante a polémica xurdida pola presentación das contas da Plataforma Lugonovo,  o Grupo Municipal traslada unha serie de explicacións para “descartar calquera dúbida sobre a súa legalidade”. Dende Lugonovo, “queremos ofrecer as nosas desculpas pola imprecisión coa que foron definidos algúns dos conceptos que resumían as distintas partidas económicas que compoñen o balance financeiro da Plataforma. Un erro motivado polas présas, xa que o documento foi publicado só catro días despois de rematar o ano”.

Dende Lugonovo inciden en que “feitas as correccións, para que se axusten á normativa, non hai ningún feito delictivo ou ilexítimo que se poida atribuír á súa contabilidade. Sirva como explicación que a aportación que o Grupo Municipal Lugonovo recibe do Concello se inviste, única e exclusivamente, en solicitar servizos de apoio á Plataforma Lugonovo, debido a que a formación non dispón de ningunha outra infraestrutura nin solicitou préstamos bancarios”.

A plataforma tamén quere deixar claro que “o que se divulgou na páxina web de Lugonovo o 4 de xaneiro era un resumo provisional, no que se encadraban os ingresos e gastos sen puntualizar nin definir polo miúdo de xeito contable. Cómpre sinalar que o balance oficial preséntase no mes de xuño, sen embargo, o anterior, correspondente ao ano 2015, foi elaborado cos mesmos criterios e reflexa as mesmas necesidades que as do exercicio pasado e non recibiu ningunha obxección por parte do Tribunal de Contas, que avalou ao 100% tamén o relativo á campaña electoral”.

A plataforma insiste  en matizar que “o Concello non aporta nada á Plataforma Lugonovo e que os concelleiros do Grupo Municipal tampouco recibiron nin un só euro, nin sequera en concepto de dietas ou quilometraxe, da devandita aportación. Todos eses ingresos foron destinados a reforzar ao Grupo Municipal no desenvolvemento da súa actividade política”

Por outra banda, é necesario lembrar que a Plataforma Lugonovo dispón de ingresos propios, aportados polos seus colaboradores e polas subvencións estatais cos que  financia os seus gastos de mantemento”.

E rematan,  “queremos deixar manifestamente claro que o Grupo Municipal non contrata, non paga retribución ningunha, non adquire bens e non compra material coa aportación que recibe do Concello. Tódolos ingresos que percibe por esa vía se destinan a abonar os servizos que solicita á Plataforma”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com