Convocadas catro prazas de persoas bolseiras na Residencia xuvenil Lug

A Consellería de Política Social publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte a convocatoria de catro prazas para persoas colaboradoras bolseiras no centro Residencial Xuvenil LUG, en Lugo, para o curso académico 2019/20.

As persoas beneficiarias destas axudas de bolseiros e colaboradores disporán de aloxamento e mantenza gratuítos a cambio de desenvolver labores de dinamización xuvenil. As tarefas nas que participarán están relacionadas principalmente coa dinamización do centro en actividades de información xuvenil, biblioteca, informática ou deporte, entre outras. Os mozos e mozas contarán coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa as funcións que desempeñen.

Os requisitos dos destinatarios destas bolsas son, entre outros, ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data do 31 de decembro do ano en curso; e cursar estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior que admitan polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver na residencia xuvenil. Tamén ter unha renda media familiar que non supere o 150% do IPREM.

En total, nas tres residencias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofértanse 15 prazas: ademais das catro de Lugo, hai cinco na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense e seis na residencia xuvenil Altamar de Vigo.

As persoas interesadas en presentar as súas solicitudes teñen un mes de prazo desde o día seguinte á publicación no DOG e deberán facelo preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal.). Opcionalmente, tamén se pode presentar a solicitude de xeito presencial. Xunto coa inscrición deberán achegar, entre outra documentación, un proxecto de actividades que pretendan realizar na residencia.

Coa realización desta convocatoria, a Xunta pretende favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos e, ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com