Convocado o XIII Premio de Poesía Afundación

Afundación ven de convocar un dos premios máis prestixiosos de poesía do país. As persoas interesadas en participar na décimo terceira convocatoria do Premio de Poesía Afundación poderán presentar os seus orixinais ata o próximo 2 de outubro, data na que termina o prazo de entrega desta nova edición que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) organiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e co Centro Pen de Galicia.

O seu obxectivo é recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega. Ao certame poderán concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2015.

O texto ganador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

O galardón votou andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de ganadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño e Elías Portela, ganador da anterior convocatoria.

Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras trece anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com