Cooperativismo en Movemento arranca mañá en Foz para poñer en valor esta fórmula empresarial

A campaña Cooperativismo en movemento, coa que a Xunta levará ás vilas galegas as vantaxes deste modelo empresarial, comezará mañá en Foz con exposicións e o espectáculo de humor Salvar o cooperativista Adrián do monologuista Marcos Pereiro. A Praza Conde de Fontao acollerá esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que está enmarcada dentro da programación prevista para o mes previo ao Día do Cooperativismo Galego, que se celebrará o sábado 1 de xullo.

 O actor e humorista galego Marcos Pereiro presentará ás 19,00 horas o seu monólogo.   Estará acompañado pola banda sonora en directo do pianista Cristian Leggiero e través de diferentes elementos e recursos, combinados co seu particular humor, amosaranlle ao público asistente o que se pode chegar a facer cooperando cos demais e incluso cun mesmo. Ademais do espectáculo, tamén poderá visitarse unha exposición sobre o cooperativismo galego que se instalará na mesma praza. En caso de choiva colocarase unha carpa para que nada impida desfrutar da xornada.

 Cooperativismo en movemento percorrerá tamén as localidades de Chantada, Pontevedra e Vilanova de Arousa, na provincia pontevedresa; Porto do Son, na coruñesa; e no Carballiño, na ourensá.

O 30 de xuño,  terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com