‘Credo’ en Alfonso Blanco Torrado

Foi o Manuel María o que che chamou “Pregoeiro da luz e da alborada”, e certamente cando viñeches para a Terra Chá  (ti dirás que é cousa de Deus; pois vale) fíxose a luz, e ti fuches iluminando mentes e vieiros, quitándonos legañas, tirando ou empuxando, ensinando e animando a facer camiño ao andar cando non había camiños polos que deixarse ir.

Parece un contrasentido, e sen embargo ti demóstranos que é o máis natural, que un crego se poña á fronte do máis humano e galego dos festivais de música do país; que un home da terra onde os pinos se queixan veña darnos aos chairegos unha “Casa das palabras”; que o dono de ollos que se empeñan en non ver nos aprenda a mirar en profundidade e cara ao lonxe, e que quen ten pernas febles nos demostre que é posible camiñar firme, saltar calquera obstáculo e superar maratóns que nunca pensaramos poder culminar.

Coma o Mariscal en Mondoñedo, eu proclamo: “Credo, credo, credo!” na túa doutrina cultural e chairega, na túa entrega vital, onde nada material tés téndoo todo… onde crentes e non crentes acoden a ti como un oráculo, porque quen entrega a vida por unha crenza, por un país, por unha fe, convertese nun “bendito po Pai”, e iso imprime carácter e proporciona unha aureola da que ti non es consciente pero os que te temos preto notamos desde hai moito tempo.

E non insisto aquí na túa santidade, da que xa teño falado, que tamén disto o afectado é o último en enterarse. Pero se cada un sabe o que sabe, non te estrañes de que os teus amigos vellos (e novos) te teñamos nun altar, aínda que non che recemos, porque bastante temos con intentar seguirche os pasos, que nunca conseguiremos porque mentres nós levamos calzas de xente maior, ti segues a usar as botas de sete leguas que os que cremos en ti sabemos que existen, e que só ti coñeces como se usan.

(Participación de Xulio Xiz no caderno colectivo GUIEIROS, en honra do crego e militante cultural da Chaira, Alfonso Blanco Torrado)

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com