Só falei un par de veces con Paula Alvarellos. Foi agradable; caíame ben. Era a Alcaldesa de Lugo. E áparte das trifulcas que a diario ocupan aos loitadores da política, parecíame unha boa rapaza, da que ademais tiña boas referencias personais. E cantos máis anos vou acumulando no carnet de baile da vida menos comprendo que unha boa rapaza ou un bo rapaz desaparezan da noite para a mañá, porque o corazón se lle bota fora do peito. Non é xusto!, exclaman os nenos diante de algo manifestamente fóra da normalidade. A vida non pode rachar deste xeito as reglas do xogo.
Que o antroido de Lugo quedara conxelado e se suspendera toda a festa pola morte da que ía ser a súa primeira e entusiasta espectadora, considero que é a mellor homenaxe – a única decisión posible – á muller sinxela que levou con especial discreción o dificil papel de ser alcaldesa de Lugo nun municipal xogo de tronos nesta cidade onde case todos presumimos de entender de todo moito máis ca os que nos gobernan.
Na vida puido pensar Rubén Arroxo ser alcalde da cidade porque o escalafón se movese deste xeito dramático, e – porque me cae ben – non lle arrendo a ganancia de ter que facer de tripas corazón para ocupar a honrosa cadeira que simboliza o timón que goberna esta urbe bimilenaria que nos soporta e da que todos somos responsables.
Non teño memoria de que Lugo perdese a súa primeira autoridade nun acto de servizo – festivo acto de servizo – e por iso impactou de xeito moi especial en todos os lucenses. A cidade perde a súa alcaldesa, dóese, e súmase – sumámonos todos – á dor da súa familia, que perde moito máis ca todos nós xuntos.