" />

Cs alerta das “graves consecuencias” que ten “o desastre do PSOE”

A portavoz de Cidadáns, Olga Louzao, afirmou esta mañá que “as liortas internas e o desmantelamento do PSOE na provincia de Lugo ten graves consecuencias para os lucenses”. “Na Deputación o resultado do desastre do PSOE é que hai construídas unha serie de residencias repartidas por distintas localidades da provincia sen abrir e no Concello que en pleno mes de abril non hai nin Orzamentos aprobados”, afirmou Olga Louzao.

Neste sentido, a portavoz de Cidadáns indicou que “o despropósito absoluto que se está a vivir na Deputación de Lugo está tapando o tremendo desgoberno do Concello de Lugo” e lembrou que “nas dúas institucións goberna o PSOE en minoría e está máis pendente de arranxar os seus problemas internos que de resolver os problemas da cidadanía”.

Olga Louzao lamentou “que o PSOE arrastre aos lucenses na súa desintegración” e criticou que tanto na Deputación coma no Concello o PSOE actúe “con prepotencia e amosando a súa incapacidade de negociación malia estar en absoluta minoría e soidade nas dúas institucións”.

A portavoz de Cidadáns no Concello puxo como exemplo o acontecido esta mañá na Comisión municipal de Contas convocada para analizar as reclamacións presentadas ao proxecto de Orzamentos Municipais para 2018, nas que o PSOE “aplicou o rodillo, como en todo o proceso de elaboración das contas deste ano, sen falar nin negociar con ninguén”. “O Concello de Lugo segue a estas alturas sen Orzamentos como consecuencia de que foron presentados con tres meses de retraso por parte do Goberno, igual que as reclamacións aos Orzamentos acaban de ser resoltas despois de incumprir tamén o prazo legal establecido ao efecto”, explicou Olga Louzao ao término da Comisión.

O Pleno no que serán resoltas as alegacións presentadas, entre elas as elaboradas por Cidadáns, que foi o único grupo municipal que presentou reclamacións ante os incumprimentos legais dos Orzamentos presentados, celebrarase o vindeiro martes día 17, polo que Olga Louzao afirmou que “aínda que sexa con 4 meses de retraso parece que a cidade de Lugo contará por fin con Orzamentos a partir da semana que vén, polo que a alcaldesa xa non terá excusa: se segue sen facer nada coma nestes tres anos será unicamente pola súa incompetencia para o cargo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo