" />

Cs aposta por dinamizar a economía local co pulo ao turismo de congresos

A voceira municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, aposta por dinamizar a economía local a través da promoción do turismo de congresos. Todos os estudos sinalan que a posibilidade de acoller na nosa cidade eventos deste tipo suporía un impacto económico de gran calado no eido local. “O turismo de congresos deixou no último ano en España máis de 6.000 millóns de euros. No noso país celébranse anualmente máis de 5.000 congresos, o que supón millóns de participantes. A súa importancia non só radica na celebración destas reunións, senón tamén que é unha forma de dar a coñecer a nosa cidade e a nosa cultura nun acto de promoción de valor incalculable”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

Como estratexia para articular a entrada de Lugo na rede de cidades que acollen de forma regular congresos Louzao propón que o Concello leve a cabo as xestións necesarias para formar parte dos colectivos pertinentes. “Parécenos fundamental que Lugo forme parte da rede de entidades locais que agrupa aos destinos de congresos, a Spain Convention Bureau, que axuda na xestión e planificación deste tipo de eventos. Xa son 57 destinos, entre os cales están varias cidades galegas, como Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo. E Lugo non debe quedarse atrás, converténdose nun destino atractivo para este tipo de reunións polos beneficios que leva aparellado”, apuntou a voceira.

O turismo como actividade económica presenta cada vez de xeito máis recoñecido unha notable importancia no eido local, polo aporte de ingresos e de xeración de novas iniciativas empresarias e, polo tanto, de crecemento de emprego, ademais de converterse nun motor de desenvolvemento de outros sectores económicos. Para o grupo municipal, o fomento dun turismo de calidade e sostible debe ser un dos piares estratéxicos da política municipal, como un dos factores fundamentais para a mellora e desenvolvemento da economía local.

“Na actualidade existen ferramentas fundamentais para acadar os obxectivos plantexados e velar pola calidade de destino turístico. Unha delas é o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, unha metodoloxía desenvolvida pola Secretaría Xeral de Turismo e promovida pola Federación española de municipios e provincias, que ofrece beneficios tanto para o destino turístico, como para as empresas e servizos, e co obxectivo de acadar que Lugo sexa un destino turístico asociado á calidade e a excelencia”, proseguiu.

Louzao afeou a falta de interese do Goberno local pola promoción turística. “En marzo de 2016, o Pleno, a iniciativa do noso grupo, aprobou a creación do Consello Municipal de Turismo, como o órgano consultivo e de participación para sentar as bases da estratexia a desenvolver nos vindeiros anos. En decembro de 2016, publicouse no BOP a súa creación, con reunión semestrais, pero 3 anos máis tarde, seguimos esperando a que se convoque”, sinalou Louzao. “Desde Cidadáns seguimos defendendo que é preciso contar con este espazo para definir a estratexia turística para os vindeiros anos, contando coa participación e as achegas dos axentes implicados no sector turístico”, dixo a voceira.

“Unha cidade con tres patrimonios da humanidade, cun entorno natural envexable, e cunha gastronomía recoñecida fan de Lugo un destino que debe ser referente non só a nivel nacional senón tamén internacional. Este balance positivo esixe, como administración local, seguir traballando para ser un destino atractivo ante os cambios que tamén experimenta este sector, provocados, sobre todo, polos novos hábitos de consumo. O punto de partida ten que ser a aposta por un turismo excelente e sostible, pero respectando a calidade de vida dos nosos residentes”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo