Cs critica a “nefasta xestión” do Goberno local en materia medioambiental

A voceira  municipal de Cs Lugo, Olga Louzao, insta ao Goberno local a cumprir de xeito urxente as recomendacións emitidas polo Consello de Contas en materia medioambiental. “Lamentablemente Lugo queda moi mal parado no informe do Consello de Contas sobre iniciativas medioambientais das entidades locais de máis de 10.000 habitantes que analiza os exercicios 2017 e 2018. Trátase dunha demostración máis do nefasto traballo que o Goberno bipartito está levando a cabo neste asunto. Desde Cidadáns, levamos tempo poñendo sobre a mesa cada un dos aspectos nos que a xestión é deficiente como a ordenanza de publicidade exterior, o ciclo integral da auga, a contaminación lumínica ou a xestión de residuos”, dixo Louzao.

“Esiximos ao Goberno local que se adhira aos compromisos da Carta de Aalborg de forma real e que cumpra coa súa obriga moral de levar a cabo as actuacións que se contemplan na Axenda 21 para o desenvolvemento sostible no noso municipio. Ademais, o Goberno local debe completar o desenvolvemento dos compromisos da Axenda 21 tal e como sinalan as recomendacións do Consello de Contas. Non se pode mirar para outro lado como está facendo o bipartito”, sinalou Louzao.

O grupo municipal de Cidadáns Lugo leva tempo demandando que o municipio conte con sistemas de xestión ambiental homologables que axuden a fixar as prácticas, procedementos e recursos para levar a cabo unha política ambiental activa en Lugo. “O pasado mes de outubro propuxemos ao Goberno local que abordase a xestión do ciclo integral da auga comezando por licitar os contratos de xestión da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e o mantemento da estación de tratamento de auga potable (ETAP), obtivemos un non por resposta e o concelleiro da área, Álvaro Santos, acusounos de mentir e dixo que todo estaba ben”, sinalou a concelleira.

“É evidente que os departamentos encargados de levar a cabo o groso do traballo en materia medioambiental adoecen de falta de persoal. Levamos tempo denunciando esta situación. É necesario dotar a estrutura do Concello de suficiente persoal e cualificado que sexa capaz de xestionar os obxectivos medioambientais recollidos pola Axenda 21. Contamos con menos persoal neste aspecto que outros concellos moito máis pequenos como Culleredo, Arteixo ou Redondela”, afirmou Louzao.

“Outro dos asuntos nos que o traballo do Goberno bipartito deixa moito que desexar é en materia de transparencia e o seu traballo de divulgación dos datos medioambientais do noso municipio, como así constata o Informe do Consello de Contas. Ademais consideramos que se debe impulsar o labor de concienciación da cidadanía na necesidade de adoptar hábitos persoais e sociais que contribúan ao logro dun desenvolvemento sostible. Traballo que o Goberno local non está levando a cabo”, concluíu a edil da formación laranxa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com