Cs critica o mal estado do Carril das Hortas, na contorna de Fontiñas

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a actuar con urxencia no Carril das Hortas. Segundo indica a formación laranxa, esta vía presenta un estado “deplorable” no seu último terzo do trazado, o que comunica coa avenida das Fontiñas. “É inadmisible que o Goberno local continúe sen tomar medias no Carril das Hortas medio ano despois de que comezase este mandato do bipartito. Trátase dunha rúa totalmente abandoada que presenta serios problemas de seguridade viaria e onde a falta de ordenación dos espazos para aparcamento dificulta o tránsito de vehículos e pon en risco a seguridade dos peóns”, asegurou a edil de Cidadáns.

O Carril das Hortas é unha rúa cun elevado tránsito de vehículos xa que dá acceso ao centro da cidade desde a avenida das Fontiñas, a estrada de Fonsagrada ou Rato. Aquí, segundo lembran dende Cs, concéntrase un gran número de vehículos procedentes destas vías ou de equipamentos como o Hula. Ademais, moitos condutores percorren ás beiravías desta rúa para aparcar buscando solucións ao “déficit crónico” de aparcamento que sofre a zona das Fontiñas. “É inadmisible que unha vía con estas características presente tal nivel de abandono. Non podemos entender como aínda unha parte do trazado carece de beirarrúas e como non se tomaron medidas para ordenar os espazos para aparcamento”, sinalou Louzao.

Aos problemas de circulatorios e de seguridade viaria únese tamén, segundo a concelleira,  a falta de mantemento. “Existe un gran número de fochancas por mor da falta de mantemento e o asfalto está realmente mal. Ademais a iluminación é insuficiente o que engade un punto máis de perigosidade para os peóns nas horas con ausencia de luz solar”, denuncia Olga Louzao.

Do mesmo xeito, a formación alerta do “risco engadido” que supón o “estado de abandono” que presenta a intersección coa rúa Primavera onde a falta de visibilidade dificulta en gran medida a incorporación dos vehículos e supón un perigo, din, para a circulación. “Neste punto especialmente, o firme atópase moi deteriorado debido á alta porcentaxe do desnivel e á falta de mantemento”, afirmou Louzao que instou ao Goberno Local a que proxecte unha “reforma integral” deste tramo da vía “coa máxima urxencia”. “Trátase dunha rúa cun valor estratéxico incuestionable na que se debe actuar” conclúe a edil que pon o foco esta vía por ser unha das máis transitadas da contorna de Fontiñas a pesares de que “existen máis rúas na zona que presentan un estado similar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com