Cs Lugo propón un parque multiaventura familiar xunto ao Pazo de Feiras

A portavoz municipal de Cidadáns en Lugo e candidata á alcaldía, Olga Louzao, propuxo hoxe crear “un gran parque multiaventura para as familias” nunha parcela de 18.000 metros cadrados de titularidade pública que se atopa sen uso a carón do Pazo de Feiras, no entorno do río Miño e a ponte romana.

“Os parques infantís de Lugo son pequenos e son todos iguais, hai pouca variedade e a cidade carece dun gran parque para as familias con xogos diferentes”, afirmou Olga Louzao, que insiste en que “a maioría de cidades teñen lugares de referencia para o ocio familiar dos que carece Lugo”.

Cidadáns propón habilitar neste espazo de ocio xogos multiaventura como tirolinas, zonas de escalada, xogos no chan e unha zona verde a modo de pequeno xardín botánico con distintas especies de árbores, unha lagoa aproveitando o rego que baixa da Fonte dos Ranchos e unha zona con mesas para a merenda en familia.

A candidata de Cidadáns quere recrear tamén a modo de parque temático distintas construcións inspiradas nos campamentos castrexos e romanos que se montan para o Arde Lucus, pero de carácter permanente, “para que haxa un espazo de referencia para facer campamentos e distintas actividades por parte das asociacións do Arde Lucus durante todo o ano para os máis pequenos centradas no pasado da cidade”.

“Moitas outras cidades innovaron con parques deste estilo vinculados á súa historia e Lugo ten un espazo ideal para facer isto xunto ao río Miño”, asegurou durante a presentación desta iniciativa, na que os candidatos de Cs Lugo estiveron acompañados dos seus fillos e fillas.

Olga Louzao propón tamén que o Concello expropie unha finca privada que hai xunto á N-VI, no desvío cara a ponte romana, para “habilitar un aparcadoiro en condicións que substitúa ao actual, ubicado a carón da ponte romana e que resulta insuficiente ademais de ser moi perigoso por ter que pasar os coches para acceder a el polo medio da xente e das terrazas existentes na actualidade”, afirmou a candidata de Cs.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo