Cs Lugo reclama un novo uso para o edificio de Aspnais

O grupo municipal de Cidadáns non quere que ao edificio que actualmente ocupa Aspnais na rúa Rampa de Claudio López de Lugo lle pase “o mesmo que ao vello hospital, que leva dez anos pechado e sen uso”, polo que presentará unha iniciativa no vindeiro Pleno instando á Xunta de Galicia, titular do edificio, a “darlle un novo uso ao inmoble de Aspnais unha vez que a asociación se traslade ao antigo hospital San José, algo que está previsto para os vindeiros meses”.

A través desta iniciativa, a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, insta á Xunta de Galicia a definir un novo uso para estas instalacións unha vez deixen de cumprir a súa actual función, “valorando, en primeiro lugar, a posibilidade de cesión a outro colectivo de carácter social e, en segundo lugar, a construcción dunha residencia da terceira idade e dun centro de día de carácter público”.

A Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) conta desde o ano 1992 con parte das súas instalacións no número 21 da rúa Rampa de Claudio López. O edificio é titularidade da Xunta de Galicia, igual que a ampla parcela de 4.000 metros cadrados na que se ubica este inmoble, que conta cun total de 2.000 metros cadrados construídos, entre residencia (41 prazas), centro de día (con capacidade para 40 usuarios) e centro ocupacional (70 prazas).

Cidadáns considera que “unhas instalacións destas característias non se poden desperdiciar, sobre todo tendo en conta que son moitas as necesidades en materia de atención social sen cubrir en Lugo, unha das máis evidentes a carencia de prazas suficientes en centros de día e residencias de maiores de carácter público, e moitas tamén as asociacións do ámbito social que non contan con instalacións axeitadas para prestar servizo aos seus usuarios e usuarias”.

Aspnais procederá nos vindeiros meses ao traslado de todas as súas instalacións, servizos e usuarios ao edificio do antigo Hospital San José, polo que todas estas dependencias reverterán de novo na Xunta de Galicia previsiblemente despois do verán. O edificio cumpre con todas as medidas necesarias en materia de accesibilidade e unha parte das habitacións mesmo están reformadas dotadas de baño adaptado. No exterior conta cunha zona de esparexemento con xardín e a calificación urbanística da parcela permite a ampliación das instalacións en caso de ser necesario.

É por iso que Olga Louzao propón á Administración autonómica “que abra entre as asociacións de carácter social a posibilidade de cesión destas instalacións en función da adaptación das dependencias existentes ás necesidades reais dos distintos colectivos, ou ben valore a súa transformación nun centro de día e nunha residencia da terceira idade de carácter público que aproveite as instalacións titularidade da Xunta neste emprazamento”.

“Consideramos que unha vez que Aspnais abandone este inmoble debe estar previsto xa un novo uso para que o edificio pase o menor tempo posible pechado. A falta de previsión da Xunta de Galicia fixo que edificios como os da Residencia e o vello hospital estean aínda sen uso a día de hoxe, unha década despois do traslado dos servizos ao Hula, producíndose neste tempo un deterioro evidente das instalacións”, lembra a voceira de Cidadáns, que non quere que aconteza outro tanto co edificio que actualmente ocupa Aspnais na rúa Rampa de Claudio López.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com