" />

Cs pedirá no Congreso dos Deputados o soterramento da N-VI fronte ao Pazo de Feiras

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo pedirá no Congreso dos Deputados o soterramento da N-VI fronte ao Pazo de Feiras e ao estadio Anxo Carro, no tramo comprendido entre os enlaces da Volta da Viña e o da Avenida dos Deportes.

Olga Louzao fixo este anuncio despois de que a alcaldesa confirmara na Comisión do Proxecto Muramiñae que non se dirixiu ao Ministerio de Fomento para esixirlle que se faga cargo das obras, tal como foi aprobado polo Pleno do Concello o mes pasado.

“Se a alcaldesa renuncia a defender os intereses de Lugo e prefire non molestar ao ministro de Fomento, que agora é do seu partido, será Cidadáns quen rexistre esa solicitude en Madrid”, avanzou.

Do mesmo xeito, Olga Louzao criticou a “incoherencia absoluta do PSOE de Lugo, que fai un ano pedían no Congreso ao Goberno de Rajoy que se fixese cargo da construción da pasarela fronte ao estadio Anxo Carro e agora non queren esixirlla a Pedro Sánchez“. “A alcaldesa prefire gastar case un millón de euros do peto dos lucenses para facer unha obra que lle compete ao Ministerio de Fomento por ser unha estrada da súa titularidade”, denunciou a voceira de Cidadáns no Concello.

Cidadáns considera que o soterramento dun tramo da N-VI duns 400 metros solventaría moito mellor o problema de permeabilidade que hoxe supón a barreira física da N-VI, pola que pasan uns 27.500 vehículos ao día. “O soterramento dun tramo da N-VI é unha obra perfectamente factible e viable que permitiría unha continuidade entre a cidade e o río”, defendeu Olga Louzao.

A proposta de Cidadáns foi respaldada o mes pasado no Pleno por todos os grupos con representación na Corporación Municipal agás o PSOE.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo