" />

Cualifican de “escandalosa e indecente” a resposta do Sergas sobre a cobertura dun pediatra.

As declaracións feitas por responsables do Sergas despois de que unha veciña de Barreiros presentara unha reclamación no centro de saúde desta localidade pola falta de cobertura de pediatra son, ao parecer da Plataforma Sanitaria da Mariña, colectivo en defensa da sanidade pública, totalmente escandalosas, indecentes e faltas da máis mínima ética.

A veciña acudiu ao centro de saúde co seu fillo para un exame de saúde protocolizado e pertencente a unha programa de promoción da saúde e prevención de enfermidades , e uns minutos antes da hora da cita avisárona de que a pediatra estaba de baixa e que lle cambiaban a cita para o mes de decembro. En resposta á reclamación e denuncia pública nos medios  desta nai o Sergas resposta que “ a baixa desta profesional non puido ser prevista e que “ se trata de revisións incluídas no programa neno san e non de atencións urxentes”.

Ante estas respostas a Plataforma Sanitaria  denuncia que “isto non é unha situación puntual nin extraordinaria , senón que se  ven producindo bastante a miúdo e ademais estas revisións en persoas de tan curta idade non poden ser retrasadas por períodos tan longos de tempo, porque non se trata duns días senón de case tres meses podendo darse o caso de que case se solape unha revisión coa seguinte, e os parámetros a avaliar non sexan os correspondentes á idade do neno”- comentan desde o colectivo.

Estes programas foron creados para avaliar o desenvolvemento psicomotriz de nenas e nenos, así coma o crecemento e outros indicadores de saúde , sendo de gran transcendencia para o seu correcto desenvolvemento. É por iso que cando se programa unha revisión correspondente a unha idade biolóxica , esta non debe demorarse moito tempo , por mor da rapidez coa que medran.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo