" />

David Otero, mestre e escritor, Chairego de Honra

David Otero, escritor, mestre e militante cultural será nomeado Chairego de Honra este sábado, 7 de novembro, en Vilalba, pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María.

O nomeamento é un recoñecemento ao seu labor de espallador das esencias daTerra Chá por todas as comarcas do país.

Otero, segundo se pode ver en Galicia Dixital, é membro fundador do Pen Clube de Escritores Galegos, de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), da Fundación Castelao, da A.C. ‘O Brado’, da Fundación Alexandre Bóveda, do Pedrón de Ouro, do Padroado San Martiño, do Colectivo Cultural Estradense, da Asociación dos amigos dos Pendellos da Golada, do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e de Irimia.
Participa en actividades de Colectivos de Renovación Pedagóxica nas Áreas de Lingua Galega, Animación á Lectura e Psicomotricidade. Formou parte do equipo redactor dos Programas de Lingua e de Literatura Galegas para o ensino non universitario e colaborou na autoría de Libros de Texto de Lingua Galega nas editoriais Xerais e Galaxia. Foi codirector da colección ‘Árbore’ de Literatura Infantil da editorial Galaxia

Autor prolífico, ten editadas varias biografías (‘Castelao Corenta anos despois’‘A vida de Rafael Dieste’; ‘A vida de Xesús Ferro Couselo’), etc. En narrativa, entre outros,‘Castromil no espello de Compostela’. Colaborou nos seguintes libros colectivos: ‘Contos da Xustiza’, ‘Manuel D. Varela Buxán, O Patriarca do Teatro Galego’ ‘Polos camiños da literatura, Escritores Galegos do PEN’ ‘Manuel Reimóndez Portela na lembranza’, ‘Un futuro para a lingua’ , ‘Manuel María’ ,…

Os actos comezarán, ás 12, na Casa da Cultura de Vilalba, cunha Táboa Redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Heitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. Docampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz. Posteriormente celebrarase un xantar na Casa Maragata, no lugar de A Torre, no K.631,5 da Nacional 634. O prezo do xantar é de 15 euros. Ao remate do xantar haberá un concerto musical.

Para apuntarse ao xantar, o teléfono 646413890 ou xermolos@xermolos. org

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo