Debatir sobre políticos

Estiven nun debate de xornalistas, lóxicamente de política, que posiblemente non interese aos xornalistas pero que os políticos debían escoitar todos, se é que os políticos escoitan en algún momento a alguén que non sexan eles mesmos.

Claro que xuntar catro xornalistas de prensa, radio e internet, e pedir que falemos da política na provincia de Lugo, das próximas eleccións, do que pode pasar, de cómo vemos a política, pode parecer tempo perdido,  pero eu polo menos aprendín moito.

A conclusión que saquei é que todos estamos cansados desta política, todos estamos descorazonados de cómo vai este século do que esperábamos o mellor, a clase política é manifestamente mellorable con algunhas excepcións que todos somos capaces de apreciar, e que das próximas eleccións vai sair un resultado  que o máis probable é que haxa que volver convocalas outra vez.

Fixen constar o meu asombro pola avalancha publicitaria institucional na prensa escrita, de tal maneira que cando un colle un xornal e quere ver noticias de Lugo, e ve titulares, busca inmediatamente a identificación como “publireportaxe”, que cada vez abunda máis, de xeito que unhas institucións aprenden das outras e agora, nesta precampaña, dan ganas de non ler os xornais para evitar enfados innecesarios por ver como xogan e dubidan da  nosa intelixencia, intentando atontarnos con rodas de muiño.

E un pensa: se fan esto coa prensa escrita, por que non na radio, que a escoita moita máis xente que lectores ten a prensa escrita; xa non digamos nos xornais en internet. Entón doume conta de que a radio ten os minutos que ten, e non poden invadirse, mentras que na prensa escrita non hai máis que aumentar páxinas, e todo solucionado. E na Internet son tantas as mensaxes que no as dan controlado.

Tamén pode ser que os políticos, e os xornalistas que os asesoran, conten que o que se pode tocar é o que queda, a radio lévaa o vento, e Internet é un mundo á parte. Alá eles. Porque á radio lévaa o vento aos oídos de milleiros de persoas, e esta Internet libre chega “a todo o mundo”, no máis amplo sentido do concepto.

Os políticos gobernantes aprenderon a máxima de “obras son amores e non boas razóns”, collérona pola lixeira, e pásannos polos ollos as obras que fan co noso diñeiro, pensando que asi quedamos conquistados en batalla na que levamos as de perder. E ao mellor teñen razón; ao mellor estamos dándolles a razón. Ou non. A saber.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com