A Deputación aproba a concesión do Centro de Recría e a construción da residencia de Becerreá

O Pleno aprobou a proposta do Goberno Provincial de xestión do 1º centro de recría de gando vacún público en España, que construíu en solitario a Deputación con máis de 10 millóns de euros. Fíxoo cos votos a favor de PSOE, BNG e Deputado non adscrito, pois o PP abstívose. Concretamente, acordáronse as cláusulas administrativas; os pregos de prescricións técnicas para o manexo de animais e de bioseguridade, así como para o mantemento e conservación das instalacións e fincas; as medidas e condicións ambientais; así como regulamento que vela polos dereitos dos gandeiros.

Toda esta laboriosa documentación será agora publicada no Boletín Oficial da Unión Europea debido á súa complexidade e valor económico, abrindo entón o prazo legal de presentación de ofertas para facerse coa concesión deste servizo por un prazo de 15 anos, que pode prorrogarse. A previsión é resolver este proceso nuns 60 días para que os primeiros exemplares poidan entrar no Centro de Recría na primavera. Foi unha Comisión Técnica, na que participaron reputados expertos da USC como Francisco Sineiro e Eduardo Yus, os que colaboraron cos técnicos da Deputación e co Goberno Provincial na elaboración destes pregos.

Implican unha xestión pública de concesión de servizos, que conte coa participación directa dos gandeiro. É o modelo que estes profesionais valoraron como o “máis idóneo” para acadar a maior rendibilidade económica do centro de recría en beneficio do sector. Supón o control directo e público destas instalacións por parte da Deputación, que velará polo cumprimento dos pregos. Por exemplo, que os prezos da recría sexan máis vantaxosos que os dun centro privado. No caso de incumprimentos, poderase sancionar á concesionaria, podendo inclusive rescindir esta concesión.

O Pleno tamén aprobou a proposta de urxencia que presentou o Goberno Provincial de aprobación do convenio de colaboración co Concello de Becerreá para que a Deputación constrúa unha residencia comarcal con centro de día pública en dito municipio. O Executivo levou este asunto por urxencia porque no 2016 están orzamentadas as primeiras obras polo que teñen que licitarse. Ademais, fíxoo logo de que os técnicos provinciais acordasen o pasado venres que a Xunta de Goberno non podía acordar este asunto, tendo en conta que se trata dun compromiso da institución máis aló de 4 anos, feito que supuxo que a proposta quedase enriba da mesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com