Deputación e CB Breogán apoian a labor da Protectora de Animais de Lugo

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro domingo (CB Breogán – Joventut, 12:30 horas) a visibilizar a labor da Protectora de Animais e Plantas de Lugo. A iniciativa presentouse esta mañá no Pazo de San Marcos nun acto no que participaron o deputado de Deportes, o presidente da Protectora, Alberto Losada, e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz.

Ao inicio do encontro, a entidade lucense dará a coñecer a súa labor, centrada na protección dos animais de compañía, nas entradas do Pazo dos Deportes. Tamén levarán ata alí alguns dos cans que atenden á espera dunha adopción ou acollida.

Desde o CB Breogán, reforzarase a visibilización da asociación a través de distintos contidos nas redes sociais durante a fin de semana e, a vindeira semana, xogadores e persoal técnico do club visitarán as instalacións, situadas en Muxa.

O presidente da Protectora, Alberto Losada, agradeceu a colaboración do CB Breogán e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo nesta iniciativa que valorou como “unha das maiores oportunidades que tiveron ata o momento para visibilizar a súa actividade”.

O Deputado sinalou que “o interese das entidades do ámbito social en participar nestas iniciativas e vincular o seu nome ao do CB Breogán é unha mostra da onda de simpatía que o club esperta non só en Lugo senón en toda Galicia”.

“Estamos convencidos de que esta percepción e este posicionamento do CB Breogán axudará a reforzar esa sensibilidade e a concienciar sobre a responsabilidade que conleva ter un animal de compañía e, desde logo, estamos orgullosos de ter este mecanismo de colaboración para aproveitar a relevancia social do deporte en positivo”, indicou.

Nesta mensaxe incidiu o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz, que reiterou o compromiso do club coa sociedade lucense e que loubou a actividade da Protectora lucense.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com