Deputación e Special Olympics organizan o Maratón Urbano en Viveiro

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, participou este sábado no XIX Maratón Autonómico Urbano para persoas con discapacidade intelectual, celebrado en Viveiro e organizado por Special Olympics Galicia en colaboración co organismo provincial, o Concello de Viveiro, FADEMGA e a Asociación ASPANANE.

Esta nova edición celebrouse polas rúas da localidade viveirense e contou coa participación de 154 deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia, que estiveron acompañados por 43 adestradores. En total, o evento deportivo reuniu a preto de 300 persoas entre atletas, preparadores, voluntarios e integrantes da organización.

Santos Ramos entregou as medallas aos gañadores de cada categoría, establecéndose tres niveis na competición en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras así como das súas capacidades físicas. Os atletas de Nivel I recorreron unha distancia de 4.000 metros, os de Nivel II, de 1.500 metros, os de Nivel III recorreron unha distancia de 800 metros e os participantes no Maratón Adaptado recorreron unha distancia de 300 metros.

O acto deu comezo as 10.45 co desfile dos deportistas. Posteriormente un atleta da Asociación ASPANANE leu o lema dos deportistas de Special Olympics “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento” e unha vez finalizado o desfile procedeuse á inauguración oficial dos Xogos.

As carreiras tiveron lugar dende as 12:00 ata as 14:30 horas aproximadamente, momento no que se procedeu á súa clausura. En total foron 14 as asociacións participantes, das cales 5 son da provincia de Lugo, 5 de A Coruña, 2 de Ourense e 2 de Pontevedra. A asociación anfitrioa, ASPANANE particiou cun total de 13 atletas e 2 adestradores.

Colaboración con Special Olympics

Special Olympics é unha organización internacional sen ánimo de lucro, fundada a finais dos anos sesenta, para promover a integración social das persoas con discapacidade intelectual a través do Deporte. O Goberno da Deputación colabora coas actividades de Special Olympics Galicia cunha subvención anual de 8.000 euros.

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com