A Deputación inicia o proceso de adxudicación dos traballos de construción do centro de maiores de Becerreá

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este venres sobre a aprobación na Xunta de Goberno do inicio do proceso de adxudicación dos traballos de construción do centro de maiores público de Becerreá con 4,8 millóns de euros, que ofrecerán un mínimo de 96 prazas de residencia e 40 no centro de día.

Campos Conde avanzou que a vindeira semana publicarase o prego de contratación no Boletín Oficial da Provincia, abrindo un prazo de 26 días naturais para a presentación de ofertas por parte de todos os interesados. Nos criterios de adxudicación, terase en conta o prezo, o prazo da garantía contractual, que poderá ser de ata 3 anos; así como a redución no prazo da execución das obras, que será dun máximo de 21 meses.

O Presidente adiantou que este mes, previsiblemente tras o 15 de agosto, e despois de acadar os permisos legais necesarios, o Goberno Provincial iniciará os traballos de demolición do antigo Fogar Escola e do acondicionamento da parcela na Rúa Ancares 83, onde se situará o centro de maiores. Estas actuacións xa foron contratadas con 70.000 euros do orzamento de 2016.

“Con este centro de maiores, dende este Goberno Provincial cumprimos cunha histórica demanda dos veciños de Becerreá, que levan máis de 30 anos reclamando esta dotación social. Facémolo suplindo, unha vez máis, á Xunta de Galicia”, explicou Campos Conde.

Simultaneamente á construción do centro de maiores de Becerreá, o Goberno Provincial continúa coa execución das obras das residencias e centros de día de Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Navia de Suarna e Meira, con 5,3 millóns de euros da Deputación.  Hai comprometidos 2,4 millóns de euros para a construción dos centros de maiores de Guitiriz e O Saviñao, así como 1,3 millóns para as primeiras obras dos da Pobra do Brollón, Folgoso do Courel e Portomarín. Están rematadas as da Fonsagrada, Castroverde, Pol e Trabada, que se financiaron con 5,8 millóns.

Axudas culturais e artesanais

Asemade, o Presidente adiantou que tamén se aprobou na Xunta de Goberno as axudas de concorrencia competitiva dun total de 300.000 euros dirixidas a asociacións da provincia para desenvolver actividades ou eventos culturais e artesanais. O prazo de solicitude abrirase en setembro, pois, por obriga do Goberno Central, esta convocatoria ten que publicarse primeiro no Boletín Oficial do Estado e logo, coma sempre, no da provincia.

Hai 2 liñas de actuación: unha liña de cultura, con axudas de entre 300 e ata 3.000 euros, para financiar programacións culturais; e outras de artesanía, con axudas de entre 300 e 1.000 euros, para financiar actividades artesanais, como, por exemplo, demostracións en vivo ou feiras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com