A Deputación organiza unha exposición sobre o cambio climático

O Goberno da Deputación organiza unha exposición no Pazo de San Marcos do 12 ao 24 de marzo para concienciar sobre o cambio climático e o uso responsable da enerxía. Faino co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e no marco da iniciativa global A Hora do Planeta. A inauguración da mostra terá lugar este luns ás 12:00 horas.

A exposición, composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) pretende achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social. A exposición fai fincapé no papel que as institucións, empresas, ONGs e cidadanía poden desenvolver dende os domicilios, escolas, centros de traballo e organismos públicos, dando conta das accións e propostas de intervención para actuar a favor do clima, para a mitigación dos efectos negativos da mudanza climática, particularmente no xeito en que se xestiona a enerxía e o transporte.

Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

A mostra permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta

Coloquio aberto sobre enerxía e cambio climático

Estas iniciativas complementaranse cun simposio aberto sobre enerxía e cambio climático que se desenvolverá ao longo do día 20 de marzo no salón de actos do Pazo de San Marcos con entrada totalmente de balde, e unha visita á vivenda bioclimática e ao parque experimental de Sotavento en Xermade o día 21.

A exposición Cambio Climático nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo