A Deputación promove a Ribeira Sacra con dous eventos de interese turístico durante a fin de semana

O Goberno da Deputación promove esta fin de semana a Ribeira Sacra con dous eventos de interese turístico, dentro da súa aposta por dinamizar a vida dos 67 Concellos da provincia e incentivar a súa economía a través dun turismo de calidade, baseado na cultura tradicional dos municipios, e dando a coñecer a riqueza gastronómica, paisaxística e natural de cada vila lucense.

Así, o Executivo Provincial puxo a disposición dos Concellos de Monforte de Lemos e Quiroga un total de 36.000 euros para a celebración da XV Feira Medieval de Monforte e a XXXV Feira do Viño de Quiroga, dúas citas consagradas no calendario que atraerán a milleiros de visitantes hoxe e mañá na Ribeira Sacra lucense.

Feira Medieval de Monforte

 

A XV Feira Medieval de Monforte contará cun cento de postos, a cifra máis alta desde que se celebra a feira. Desa cantidade, 30 están relacionadas co sector da alimentación e ofrecerán polbo, cervexa artesá, parrillada e filloas, entre outros produtos. Ademais, haberá outras 41 paradas de artesáns certificados coa súa correspondente carta de artesanía; e unha trintena de postos comerciais, con bisutería, xabróns e cremas naturais.

A programación inclúe máis de 50 actividades para todas as idades. Así, haberá un campamento medieval dos cabaleiros de Ulver, que estará instalado na Praza de España e contará con exposición de armas e utensilios de época. Tamén ofrecerá obradoiros e demostracións sobre confección de frechas, esgrima antiga, pintura en miniatura e escritura gótica, ademais de tear de tablillas,  entre outras propostas.

Outra das novidades é a instalación dun campamento infantil, na contorna da Porta da Alcazaba e pola rúa Falagueira, que ofrecerá diferentes xogos, dende un torneo medieval ata tiro con ballesta, zancos ou o xogo da ferradura.

O programa mantén actividades de gran acollida en pasadas edicións, como as xustas medievais no campo dos Escolapios, o tiro con arco na Régoa, os espectáculos de lume e os paseos en burriña na Praza de España.

Feira do Viño de Quiroga

Paralelamente, no Concello de Quiroga celebrarase a trixésimo quinta edición da Feira do Viño, unha das máis importantes da provincia xunto coa de Amandi e Chantada, na que se dan a coñecer os produtos vitivinícolas da comarca e outros alimentos típicos. Celebrarase no Museo Etnográfico da localidade, situado no edificio do Auditorio Municipal, e no Recinto Feiral. O Concello de Quiroga poderá destinar un máximo de 6.000 euros para financiar a cita, ao abeiro do Plan Único do Goberno da Deputación.

O sábado, ás 11:45 horas, terá lugar a inauguración do recinto feiral a cargo de Xosé Luís Foxo Rivas. Ás 12:00 horas comezará o Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. A continuación, as bandas desfilarán pola rúa Real e acto seguido realizarán unha actuación na Praza de España.

Pola tarde, ás 17:00 horas, a Banda de Gaitas de San Martiño e o grupo de música tradicional Vos Palletas actuarán no recinto feiral e ás 18.15 horas levará a cabo no Museo Etnográfico a recepción de autoridades, acto que dará paso, ás 18.30 horas, á actuación no Auditorio Municipal de: Coral Polifónica de Quiroga;  Banda de Gaitas San Martiño;  Grupos de danzas San Martiño y Arume da Queiruga

Finalizadas as actuacións, realizarase a entrega de premios do XIII Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.

Ás 20.30 horas, Maite Figueroa, actriz na serie La Que Se Avecina, de Telecinco, será a encargada de dar lectura ao pregón, ás 21.00 horas dará inicio a festa popular, onde o grupo Atenas poñerá a nota musical, e ás 21.15 horas levarase a cabo a entrega de premios do VII Concurso de Camisetas Feira do Viño.

O domingo, a partir das 12:00 horas, o grupo de gaitas Os do Recanto animará o recinto feiral. Ás 12:30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Concello e ás 12:45 horas realizarase, no citado lugar, a entrega de trofeos aos colleiteiros de Quiroga. Mentres que ás 18:00 horas, a charanga Europa poñerá a derradeira nota musical no recinto feiral.

Reservas ao 70%

O Goberno da Deputación potencia tamén a Ribeira Sacra esta fin de semana coas rutas fluviais, para as que hai feitas polo de agora 1.211 reservas feitas entre os días 13 e 16 de abril. Isto significa que a ocupación total dos viaxes en catamarán sitúase en torno ao 70%. A previsión é que o número de reservas continúe a aumentar durante esta semana.

Durante esta semana e ata o 16 de abril, o Executivo da Deputación ofrece rutas fluviais todos os días, unha ás 11:30 e outra ás 16:00 horas, tendo en conta a afluencia de visitantes con motivo da Semana Santa. As reservas poden facerse en www.reservas.rutasembalses.es e catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Tamén se poden adquirir os billetes na oficina que se habilitou no embarcadoiro de Doade, que conta con profesionais especializados para ofrecer información sobre todos os recursos turístico da provincia.

Os catamaráns ofrecen aos viaxeiros dúas rutas, a o “Canón do Sil”, con embarcadoiro en Doade; e a “Ruta do Cabo do Mundo”, con embarcadoiro en Belesar, no Concello do Saviñao.

O Goberno da Deputación arrincou a tempada de navegación arrincou o pasado 1 de abril, poñendo fin ao bloqueo do PP á mesma.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com