" />

Desempregados lucenses poderán escoller cualificación entre máis de 160 cursos

A Xunta porá en marcha nas próximas semanas o Plan galego de formación 2018-2019, que na provincia de Lugo permitirá que un total de 2.430 persoas sen emprego poidan elixir a súa cualificación a través dunha oferta de 162 cursos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe as principais novidades que introduce a presente convocatoria desta iniciativa, que forma parte do esforzo que está a facer a Administración autonómica, a través da Axenda 20, para incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e para adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementou nun 13,4% o orzamento deste programa, que alcanza na provincia un investimento de máis de 6,7 millóns de euros.

Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial. A inserción laboral alcanzada en pasadas edicións por este programa aproximouse ao 60%.

Neste ano, no plan galego de formación na provincia de Lugo participan os concellos de Xove, O Vicedo, Ribadeo, Outeiro de Rei e O Páramo; sete entidades sen ánimo de lucro: A Fundación Laboral da Construción, Afalu, Alufonca, Cogami, Cruz Vermella, Aprevar e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias; e distintas empresas e academias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo