Detido por agredir á súa parella en Lugo

A Policía Local de Lugo vén de deter nunha vivenda da cidade a un home logo de que unha chamada alertara aos axentes dunha agresión por parte dun home á súa parella. Segundo explica a Policía nun comunicado, sobre as 5 da madrugada a Sala do 092 recibiu unha chamada na que podían escoitar a unha muller e un neno chorando e a un home discutindo que, de seguido, colgou o teléfono. O operador do 092 contacta novamente co número que facía a chamada no que contesta unha muller manifestando que discutira coa súa parella e que este lle agredira. 

Inmediatamente trasládase ao lugar un indicativo policial que é recibido pola muller, que volve a manifestar os mesmos feitos e agrega que o home lle propinou unhas labazadas, agarrouna dos pelos e insultouna, todo diante do seu fillo de 3 anos. Os axentes entraron no domicilio e acharon ao home sentado no sofá, polo que o detiveron por un presunto delito de violencia de xénero.

Malia que a muller presentaba a parte dereita da cara inchada e cun negrón, rexeitou asistencia sanitaria, polo que os axentes só deron traslo ao home a dependencias policiais.

Unha nova que se da un par de semanas antes da conmemoración do Día internacional de eliminación da violencia contra a muller. Unha efeméride da que hoxe se facía eco tamén o PP que denunciaba que, precisamente o Concello de Lugo, continuaba sen adherirse ao programa estatal VioGen da loita contra esta lacra. Con esta denuncia o PP esixía ademáis máis recursos e un horario  máis amplo para a atención ás vítimas na Casa da Muller.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com