Dez citas musicais singulares chegarán este semestre ao Vello Cárcere

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou, no patio do Vello Cárcere, a segunda edición dunha proposta cultural que o pasado ano colleitou moito éxito: o ciclo Músicas Mesturadas. Trátase de 10 actuacións de música de fusión singulares que terán lugar neste centro cultural dende xaneiro a xuño, cuxa asistencia é totalmente de balde, ata completar cabida.

A edil fixo énfase na programación deste ano, que contempla 6 citas máis que na pasada edición; e que, de novo, pretende que a veciñanza de Lugo coñeza música menos comercial nun escenario único como é o Vello Cárcere. Músicas Mesturadas arrincará este sábado, 12 de xaneiro, ás 20:30 horas, co concerto de Zmeitrei, o único do grupo programado en España este ano dentro da súa xira. Esta agrupación formada por inmigrantes romaneses ofrecerá unha actuación de música fermosa e sinceira que surxe das duras realidades e loitas dun goberno poscomunista.

A voz do grupo, Paula Turcas é unha cantante de ópera soprano que renunciou á música clásica en busca dunha arte máis verdadeira basada nas loitas da vida cotiá. O líder da banda é o guitarrista Mihai Victor Iliescu, quen creou o concepto e estilo de Rough Romanian Soul. O seu son faise aínda máis único co virtuoso do vibráfono, Oli Bott.

Neste mesmo mes, concretamente o día 26, tamén ás 20:30 horas, actuará Talabarte, un trío que ofrece uns concertos de risco, improvisación e contundencia. Este grupo, composto por Quim Farinha ao violín, Kin García no contrabaixo e Pedro Pascual no acordeón diatónico, non deixará a ninguén indiferente coa súa concepción musical que funde concepcos diversos: acústico, de raíz, atemporal ou aventura.

En febreiro será a quenda de Mozart Heroes, o día 8 dende as 20:30 horas, que deleitarán ao público cun chelo e dúas guitarras, ofrecendo música clásica, rock ou música de grandes películas nunha actuación con exceso de adrenalina.

Neste mesmo mes, tamén actuará, o día 17, Tango Maestro& Quinteto Nuestro Tiempo. Desta volta a actuación será dende as 18:30 horas. Matías González no bandoneón, Vera Pavlova no piano, Marcelo González no violón, Guillermo Bazzola na guiatarra e o contrabaixista Romain Lecuyer ofrecerán o mellor do tango contemporáneo.

O cantautor ourensán Emilio Rúa será o encargado da primeira actuación de Músicas Mesturadas do mes de marzo, o día 19, ás 18:00 horas. Estará acompañado por tres artistas de traxectoria recoñecida no panorama musical: Rosa Cedrón, La Shica e Rebeca Jiménez.

Celina da Piedade, acordeonista, cantora e compositora, con tres álbums en solitario, tamén ofrecerá unha actuación no Vello Cárcere en marzo, o día 16, a partir das 21:00 horas.

O 13 abril, o Vello Cárcere servirá de escenario para a luguesa Alba Messa, que se entregou en corpo e alma á arte dende os 6 anos, contando a día de hoxe cunha extensísima formación a nivel actoral, como na danza e musical. Será a partir das 21:30 horas cando achegue o seu primeiro disco, Valiente, aos seus veciños e veciñas.

O son da guitarra española clásica a mans de José Manuel Dapena e o das teclas do pianista Jorge Navarro vibrarán no Vello Cárcere o 27 de abril, ás 20:30 horas.

Xa no mes de maio, o día 4, Forró Mior&Jabú Morales cautivarán, dende as 20:30 horas, ás persoas asistentes con música arraigada nos ritmos populares brasileiros. Pecha o ciclo de Músicas Mesturadas, con 35 anos nos escenarios, Vanesa Muela, xunto ao Trío Zarabal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com