Educación encarga un proxecto de rehabilitación integral do colexio sarriao que tivo que ser apuntalado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de encargar a redacción dun proxecto de rehabilitación integral do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria; co obxecto de avaliar posibles solucións definitivas ás deficiencias detectadas que, con todo, cómpre subliñar que non afectan á seguridade estrutural do mesmo, tal e como quedou confirmado nos informes técnicos externos.

A maiores, de xeito paralelo e complementario, nestes días a Consellería está a axilizar os trámites administrativos de contratación necesarios para iniciar as obras de reforzo dos voladizos do centro de xeito inmediato, logo de recibir a solución técnica proposta polo especialista en Estruturas da Universidade da Coruña.

Esta solución técnica contempla a instalación de vigas metálicas apoiadas nos encepados dos piares, un reforzo que limitará os posibles movementos dos forxados e, polo tanto evitará futuras fisuras.

No informe corrobórase, ademais, que non se observa patoloxía algunha nos elementos estruturais como vigas, piares ou forxados. Sinálase tamén que “este edificio foi obxecto dunha proba de carga dos forxados, que resultou moi favorable, polo que a súa seguridade está plenamente comprobada”.

Canto ás obras de acondicionamento que se están a realizar na antiga Escola Fogar, onde se trasladará a actividade lectiva a partir do vindeiro luns, xa están divididas, -segundo a petición do equipo docente do centro-, 4 das 12 aulas dispoñibles; e iniciouse o traslado dos pupitres aos novos espazos.

Así mesmo o sistema de calefacción xa está disposto para realizar unha proba de funcionamento hoxe e, deste xeito, estar operativo mañá xoves.

Como nos días anteriores o profesorado do centro está a atender o alumnado de primaria que se achega ao centro. En canto á actividade de infantil, tendo en conta que se realiza noutro edificio non está a verse afectada polas intervencións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com