O GMPP acusa ao goberno local de obstaculizar unha inversión de 500.000 euros

O concelleiro popular Ángel Trabada acusou esta mañá ao goberno municipal de estar a obstaculizar un investimento de 514.000 euros.

Tal como explicou o edil popular, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio está a traballar no proxecto para recuperar a ruta do camiño de San Rosendo, baixo o título “San Rosendo, camiño rural do interior”, unha actuación de 42 quilómetros, entre Meira e Lugo, para a que prevé destinar medio millón de euros grazas a un convenio entre a administración central e a Xunta de Galicia.

Nese senso, “dos cinco concellos aos que se requiriu a dispoñibilidade dos terreos polos que transcorre o itinerario, só o de Lugo negouse polo momento a cumprir coa súa parte. De feito, os outros catro (dous deles con gobernos socialistas, como é o caso de Pol e Pastoriza; e outros dous de gobernos populares, Meira e Castro de Rei) xa asinaron a documentación”, indicou o edil popular Ángel Trabada, quen criticou a “descortesía e a falta de altura de miras” de López Orozco.

O concelleiro popular afirmou que “dende marzo o goberno socialista non accedera a asinar a cesión dos terreos, de modo que claramente López Orozco está intentado boicotear e impedir unha actuación de interese para os lucenses. Unha vez máis está primando os seus intereses partidistas aos de todos”, destacou o popular, ao tempo que suxeriu que “Orozco prefire mentir dicindo que administracións gobernadas polo PP non cumpren antes que dar facilidades para que si o poidan facer, nunha situación idéntica á cesión de terreos para un novo centro educativo no Sagrado Corazón, que aínda hoxe non completaron malia que o pedimos en 2011”.

Así mesmo, Trabada apuntou que a recuperación desta ruta podería servir tamén de aliciente turístico para Lugo, “máis aínda cando, despois de entrar pola zona de San Cibrao, comparte un tramo do seu percorrido con o Camiño Primitivo á altura de Castelo”.

Ao mesmo tempo, o popular detallou que “se temos en conta que A Coruña está a traballar noutro proxecto que compite por estes mesmos fondos, se o goberno local de Lugo segue boicoteando esta iniciativa, corremos o risco de que non se poida executar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com