Elena Candia asina un contrato cos militantes

A candidata á presidenta do Partido Popular de Lugo Elena Candia vén de asinar un contrato que remitirá a cada un dos 12.222 militantes que ten o Partido Popular en Lugo no que figuran as dez medidas máis destacables do seu programa para pilotar o futuro de partido. “É un decálogo que recolle aquelas propostas que consideramos irrenunciables e que queremos que cada afiliado coñeza e así poida ademais fiscalizar o seu cumprimento”, indica.

Por iso, a candidatura que encabeza a rexedora de Mondoñedo xunto con Ramón Carballo enviarán o contrato a toda a militancia como unha garantía de que se lle dará cumprimento a ese proxecto que guiará o futuro do PP de Lugo.

As medidas que inclúen ese contrato son as seguintes:

A convocatoria de convencións periódicas na que os conselleiros e outros cargos do Goberno renderán conta da súa xestión e explicarán as accións das distintas Consellerías ante os militantes.

A creación dun gabinete de apoio técnico, xurídico, político e de comunicación ao servizo dos portavoces e dos Grupos Municipais de toda a provincia.

A convocatoria de reunións periódicas do Comité de Dirección nas distintas comarcas, con participación directa dos militantes, para informar da xestión realizada, planificar accións futuras e render contas.

A instauración de xuntas comarcais cuxa composición será escollida en elección directa por todos os militantes.

A recuperación da figura do coordinador de xefes de distrito para potenciar a participación dos militantes na capital.

Un maior peso ás Novas Xeracións do partido. A persoa que ostente o cargo de presidente ou presidenta de NNXX formará parte do Comité de Dirección. Organizar reunións periódicas cada dous meses cos membros de Novas Xeracións.

Solicitar a autorización das direccións autonómica e estatal para que o vindeiro congreso que se convoque trala celebración do conclave provincial sexa o da capital lucense.

Deseñar un paquete de medidas para que os cargos públicos estean máis preto dos cidadáns e dispoñan dunha nova canle para interactuar con eles aproveitando as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías, internet e as redes sociais. Para iso porase en marcha un portal web de proximidade.

A posta en marcha dunha nova aplicación (APP) dirixida a manter unha comunicación instantánea cos seus militantes a través do teléfono móbil, de maneira que afiliados e partido poidan estar conectados 24 horas ao día, sete días á semana.

A incorporación na nosa executiva da presenza e autonomía de xestión dos representantes dos sectores estratéxicos da provincia.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com