Elena Candia disposta a chegar a acordos sobre os orzamentos do 2017

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegurou no Pleno de hoxe que os populares teñen a man tendida para intentar ser útiles e poñer sentido común nunha institución da importancia da Deputación de Lugo. Así, o PP considera que a aprobación hoxe por unanimidade do plan único de colaboración con todos os concellos da provincia pode ser a antesala dun novo pacto para a aprobación dos Orzamentos de 2017.

Este plan proposto polo PP debe aglutinar as distintas liñas de axuda existentes e incluír outras novas, converténdoo “en máis ambicioso, que se guíe por criterios obxectivos e que responda ás verdadeiras necesidades dos lucenses”. Así, a voceira dos populares, Elena Candia, precisa que “o que buscamos é serlle útil a esta institución, á provincia e aos concellos, dotándoos de medios para que poidan mellorar os seus proxectos”.

A voceira dos populares explicou que grazas ao PP “se puxo en marcha un plan de reequilibrio económico e se fixo un reparto proporcional para os plans de emprego e o SAF cos mesmos criterios que rexen no caso do POS. Isto permitiu subir o reparto de xeito proporcional, polo que os populares apostan por incluír nese plan os remanentes e que sigan en pé aqueles compromisos que teñen carácter plurianual”

Os populares explicaron que o marco de entendemento ao que se chegou en 2016 foi “moi positivo”, ao tempo que engadiu que desde o 16 de xullo o Goberno Provincial asinou convenios coas administracións locais por importe de 9,7 millóns de euros, dos cales 7,2 se destinaron a concellos do PSOE e do BNG, mentres que tan só 2,6 millóns de euros foron para concellos nos que goberna o PP.

Así, os populares pídenlle ao presidente que convoque á maior brevidade posible unha xunta de voceiros co obxectivo de traballar na elaboración das bases deste plan e acordar o importe a destinarlle nos Orzamentos de 2017.

Candia explicou que “buscamos iniciativas dirixidas a mellorar a colaboración da Deputación con todos e cada un dos concellos da provincia”. Agora, engade, “cun Goberno provincial obrigado a traballar en consenso, e cun BNG que se deu conta das verdadeiras necesidades desta provincia, Campos terá o noso apoio se nos presenta unha proposta que trate equitativamente a todos os municipios e que permita que a Deputación cumpra coas súas competencias”.

O plan único de colaboración con todos os concellos

O plan único de colaboración con todos os concellos esixido polos populares “debe permitir que a Deputación de Lugo cumpra coa súa competencia regulada por lei, a de colaborar con todos os concellos, cinguíndose a criterios obxectivos e garantindo as condicións de igualdade e concorrencia; xa que actualmente o mecanismo predominante na Deputación de Lugo realízase mediante a firma de convenios non suxeitos a concorrencia.

Así, os populares consideran que coa creación deste plan único “conséguese racionalizar e obxectivar, simplificar tarefas administrativas, facer un plan dinámico e acadar a autonomía local e a planificación do Concello”.

PSdG

Representantes do PSdG, lembraron que para eses conceptos, servizos sociais, emprego e mellora das infraestruturas no rural, aínda que non como mesmo nome, inclúese unha partida de 12.000.000 de euros, tal e como anunciou o Presidente Darío Campos na presentación dosorzamentos no Parlamento de Galicia.

O Presidente tamén explicou que neste ano que agora termina, “levamos este investimento mediante 8 programacións, que non levaron o nome de Plan Único, aínda ser exactamente o mesmo, pois distribuímos os 10 millóns con criterios obxectivos: taxa de paro, envellecemento, poboación, superficie, núcleos poboacionais ou esforzo fiscal de cada un dos municipio lucenses”

As 8 programacións de 10 millóns, que o Goberno da Deputación distribuíu con criterios obxectivos no 2016 e levou aos Concellos, son as seguintes: DEPUEMPREGO, Servizo a Domicilio, plans de Aforro Enerxético e de Tic´s, axudas para actividades culturais, deportivas, obras ou equipamentos en instalacións de índole cultural

Tendo en conta a xestión e actuacións do Executivo da Deputación no 2016 e a súa previsión para o vindeiro ano, así como a postura tamén xa adiantada polos Deputados do BNG, o Pleno aprobou por unanimidade a proposta dun Plan Único no 2017.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com